16 de outubro de 2009

TELDERETE HEREDITARIO

Nunca estivo no horizonte das miñas intencións exercer de cronista oficial nin oficioso de Agolada. Non é tarefa doada. Véñoo comprobando ultimamente: os feitos e os eventos sucédense con vertixe inusitada para un territorio tan exiguo cunha poboación que se ve minguar no decurso dos días.
Quizais dun xeito inconsciente, este blog nacese para tratar de elevar a autoestima dos aqualatenses que me len, dicirlles das potencialidades sociais, culturais e conómicas que eu observo, dar o coñecer o patrimonio cultural que albergamos, espertar o orgullo de pertencer a esta penechaira que se estende aos pés do Farelo e se bascula nas cuncas do Ulla e mais o Arnego.
Dentro desas potencialidades ás que aludo, dúas sobresaen por riba das demais: Os Pendellos e a Feira do 12. Rendibilizar o mellor espazo de feira rural e popular de toda Galicia é unha tarefa que se debe abranguer desde perspectivas sociais, culturais e económicas. Rescatar e reorientar a feira ás circunstancias actuais do agro e da poboación é un traballo urxente. Ambas empresas requiren ideas, ambición, estudos, conversas con diferentes sectores, bastante ilusión e maior dedicación e esforzo. Aledoume ler na prensa que o Concello pretende establecer un mercadiño dominical. Non será fácil, pero merece a pena intentalo. É imprescindible ofrecer algo que os demais non teñan, mercaderes, hostalería e cultura no interior dos Pendellos.
Para ilustrar esta entrada escollín dúas fotos da feira. Na de arriba (do ano 2005), a señora que viste de negro foi a última vendedora que tivo o seu posto de venda durante moitos anos nun pendello. Desde 1977 ata o ano pasado vendeu na Praza do Concello. Seica morreu hai algo máis dun ano e unha neta (foto inferior) segue coa tradición familiar de acudir á feira de Agolada. Subida na escaleira, retrateina o 12 de agosto do presente ano cando de mañá cedo montaba o seu posto na espera dunha romaría interminable de clientes. Gustaríame augurarlle longos anos de feira en Agolada, outros tantos como a súa avoa e que coñeza o rexurdimento dos Pendellos.

3 comentarios:

  1. Eu sempe admiro moitísimo o traballo sin descanso dos feirantes. Á mañán cediño colocando os seus postos e pouco antes do xantar xa están pensando na seguinte feira...

    Por certo; cobran forza as tuas palabras cando dis da influencia da feira de Agolada tamén en Antas. Precisamente a moza que sae na primeira foto mercando é veciña miña!!!

    Apertas

    ResponderEliminar
  2. O teu blogo quedará sempre como referente de Agolada de primeiros deste século, sexas ou non o cronista oficial.

    ResponderEliminar
  3. Deus, morreu a señora? non o sabía. Eu lembroa sempre nas feiras, n´Agolada, nas Crueces. Lembrome que miña nai sempre lle compraba a roupa para ela e para nós. È desas persoas as que vas a feira e miras con cariño. As feiras sen ela xa non serán o mesmo para min. Unha aperta á súa familia e en especial ao seu fillo Manolo.

    ResponderEliminar