13 de novembro de 2009

CONFERENCIA DE SALUSTIANO MATO NOS PENDELLOS

Salustiano Mato, catedrático da Universidade de Vigo, estivo nos Pendellos a finais de outubro para disertar sobre o tratamento de residuos orgánicos e a súa rendibilización en plantas de biogás. A charla estivo dirixida fundamentalmente aos empresarios.
Antes da conferencia visitamos xuntos o recinto dos Pendellos. Expresounos a súa admiración polo conxunto etnográfico-arquitectónico deste antigo mercado e salientou a altísima potencialidade do espazo para mercados e eventos de todo tipo.
Calquera acto que ten como escenario Os Pendellos, é lóxico que atraia a miña atención. Son xa cinco anos e pico traballando arreo para que este lugar cobre vida e rexurda da ruína e do esquecemento. Por iso un alédase de iniciativas coma esta do amigo e veciño Gonzalo Barrio García (Director de Expansión do FEUGA), que contou co apoio da Asociación de Empresarios de Deza, do Concello de Agolada e da Asociación Amigos dos Pendellos. O importante é sumar, encher de actividade estas construcións e saír á feira global agora que os mercados andan de mudanzas en produtos e costumes. A feira de Agolada esmorece sen que se lle vexan expectativas claras de futuro. Pero quizais con algo de imaxinación poidamos reinventar un novo estilo de mercado ao amparo das vetustas pedras pendelleiras.

2 comentarios:

  1. Non me cabe duda de que lle sacaredes -xa o estades facendo- partido a este magnífico marco que son os Pendellos!.

    Apertas de Antas

    ResponderEliminar
  2. Se a razón de ser de A Agolada foi a súa Feira e os seus Pendellos, hoxe a razón de ser dos Pendellos é A Agolada son ( os que que non queren que morra, os que de verdade lle queredes ). Desde o Pico Sacro.

    ResponderEliminar