15 de abril de 2010

REIVINDICACIÓN DA PONTE DOS CABALOS

As pontes unen aos pobos, permiten vadear comodamente as correntes de auga e comunicar as ribeiras. Os territorios de Agolada e Lalín xunguíronse desde o medievo con pontes que avantaron sobre o Arnego en Carmoega das Sobreiras, en Vilariño das Caldelas e na Ponte dos Cabalos. Todas tres dos séculos IX e X. A máis moderna, a de mellor factura, a que chegou ata actualidade e a que motiva este artigo foi a Ponte dos Cabalos (ano 970). Esta ponte é o monumento histórico máis antigo do concello de Agolada aínda en pé. Xa non é lugar de paso. Só é usada ocasionalmente por pescadores, labregos, camiñantes que visitan a zona, algúns ciclistas de montaña... e os menos desexables excursionistas en quads ou en todoterreos. Os vehículos de motor representan un serio risco para a maltratada estrutura da ponte. Por iso urxen medidas tendentes á restauración deste monumento histórico, completadas coa limitación de uso ao paso peonil.
Entre as medidas restauradoras creo que compriría consolidar as pedras da plataforma, limparlle as hedras dos muros e reconstruír o peitoril de ambas beiras recuperando para iso os perpiaños que están no leito do río ou nas marxes. Un destes perpiaños, segundo o mestre Francisco Vilariño na súa Reseña Histórica da Comarca de Deza, contén a inscrición fundacional da ponte.
A restauración sería pouco custosa, ao meu entender, e os beneficios varios, desde o punto vista cultural, o histórico, o patrimonial e tamén o medioambiental se con iso se conseguise frear definitivamente o proxecto dos miniencoros denominados Lamas I e Lamas II, que deixarían a ponte no medio de ambos, o río practicamente sen auga na zona e o canal do primeiro encoro, construído a menos de 40 metros da ponte.

3 comentarios:

  1. Un tén moi pouca esperanza coa recuperación do patrimonio de Agolada, mais apoio a túa causa. Agardo a que a Ponte dos Cabalos reciba o mesmo trato que Os Pendellos e por aí empezaremos a recuperar o noso que aínda falta moito. Unha aperta para o que precises.

    ResponderEliminar
  2. Como se me foi o dedo demasiado rápido nas teclas do ordenata, quería dicir na última frase: Unha aperta e para o que precises conta comigo e a miña humilde axuda.

    ResponderEliminar
  3. Ante o estado da ponte solo vale a denuncia publica do seu estado nos medios de comunicación e ante a Dirección Xeral de Patrimonio.

    Voche dar o método: "APADRINA UNHA PONTE"

    Fai unha carta e mándalla a Patrimonio Santiago, Patrimonio Pontevedra, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Atlántico e Concello de Agolada. Son seis cartas por 34 céntimos en selos: 2,04 euros.

    Repite a mesma operación cada quince días durante un ano e vai eliminando da lista os que deron algunha clase de contestación. Serán uns 30 euros (sendo optimistas)

    Se o pasar o ano, a ponte segue igual (estará peor seguro), toca manifestación de apoio (e eu estarei alí)

    ResponderEliminar