20 de maio de 2010

SUMMIO FARELO

Montaña rexa, Summio Farelo,
facho na noite, contra o medo.
Curota máxima de sol e xeo...
misterio e sombra entre os rochedos.
Domo de gra, mole de pedra,
horizonte curvo sobre o silencio.
Valo das Liñas, a Valtureira,
Coto Asobrado máis o Penedo.
A Torrevella, a Torrenova
daban alertas para o castelo.
Pena do Brinco, o Coto Arrolda,
a Penadalbre gardan segredos.
Ían rabaños, Coto das Uchas
e os pegureiros, Coto Convento.
A antiga ermida de San Simón
ollaba Aián desde o Laredo.
Coto Lobiños, Foxo do Lobo,
acubillo e trampa do animal fero.
Coto Corisco, Coto dos Porros,
proas fincadas nun mar de ventos.
Nomeado Burato de Nogueirós
vén de Amarante túnel de vello.
San Silvestre en Currodeguas
abeirou capela onda os penedos.
Sobe o camiño a Fonte Barreira,
os ventosinos van de romeiros.
Baixa un carreiro Pena da Abella,
Buxán e Vilar xa están preto.
Baixa o orballo polas Alvarizas,
de xestas e uces chega o recendo.
Queda o Farelo envolto en noite
e eu sumido en pensamentos.
Voltarei ao Summio de mañá cedo,
pola soidade a carón do ceo.
A segunda e terceira imaxes están tomadas de www.todopueblos.com (Sobreiral).

3 comentarios:

  1. PRECIOSAS!!!

    (as verbas e as fotos)


    O Farelo: o meu monte

    ResponderEliminar
  2. Manolo, haberá que poñerlle nomes agora aos aeroxeradores!.

    ResponderEliminar
  3. vese a casa do meu avó, que bonito!

    ResponderEliminar