15.6.10

PENDELLOS E FEIRA DE LALÍN

Era febreiro de 1926. Día 3. Feira en Lalín. Sol e frío. Unha americana exótica aparece por Lalín a bordo dun vehículo a motor, que con dificultade avanza polos intricados camiños daquela Galicia rural. Vén provista de cámara de fotos para inmortalizar a historia do mundo cotiá e rutineiro de nós. Chámalle a atención a feira, os pendellos, os telderetes provisionais, as xentes de pel curtida e axada prematuramente. Viaxa na máquina do tempo desde a súa Nebraska natal, comisionada pola Hispanic Society of America en Nueva York, para gravar a etnografía dunha terra ancorada na historia. Era Ruth Matilda Anderson.
Había pendellos de feira en Lalín. Non sabemos se poucos, se moitos. Estaban a carón do actual parque de Loriga. A "progresión" da vila causou que se derrubasen para dar paso a construcións máis "modernas". Agora Lalín dóese de non ter casco antigo. Nin castelo dos Churruchaos, nin pendellos, nin as casas vilegas que acollían baixo as pedras os comercios pioneiros e as pousadas dos camiños. Derrubar para substituír por formigón e aluminio. O mesmo ca en moitas outras vilas. Que difícil conxugar pasado e modernidade!
Telderete de venta de zocos
Cacharreiros de Niñodaguia (Ourense)
Imaxes extraídas do libro "Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia".

5 comentarios:

paideleo dijo...

Quen puidese ir co ela dotado dunha cámara dixital !.

A Ulloa en fotos dijo...

A documentación fotográfica da Galicia dos anos vinte que fixo Ruth Andersson é un documento dun valor incalculable para todos os galegos. Viña con ollos estranxeiros é iso fixo que vise cousas que os ollos de aquí non vían.

Saúdos

Anónimo dijo...

As tres fotos son moi representativas da época pero a máis lograda é a do zoqueiro que con mirada pícara de comerciante que as sabe todas está a analizar á persoalidade do que con boina mira con receo ao único modelo de zocos, tamén ao que é máis atrevido que agarima coas súas mans a calidade do coiro e o pau dos zocos; pódese ver a unha señora con sorriso máis familiar a bo seguro está a ollar cara o seu home ou compañeira que están a disfrutar da feira.
Con eses zocos forrados de brochas amainábanse as corredoiras e carreiros e os nosos pes amoldábanse as formas que a gubia lle dera ao pau contra o peito do zoqueiro.
Desde o Pico Sacro.

Anónimo dijo...

A verdade é que a exposición que estivo ata hai pouco , a máis completa na Coruña é ben boa.
E o valor desa mulleriña, e dou seu pai, que era outro hispanista, de ir polos camiños, con coche e mulas, máis ainda.

Sae hoxe enlazada esta entrada en vieiros.com.

Saúdos
Juanjo

zeltia dijo...

Disfrutei da exposición cando pasou pola Coruña, e ata puiden recrearme nalgunhas delas das terras de trasdeza de onde son eu. (emigrada á cidade de pequena, coma tantos outros rapaces do rural)

(en destempo ou a deshora, sempre é interesante un mergullo polo teu blog)