25 de outubro de 2010

MEDAS E MALLAS EN FRIUFE

O Aquam Latam vive horas de alegría. Ata aquí chegou recado dun conveciño de Friufe, D. Jesús Faílde Oro, que nos agasalla co seu inxente e importante arquivo fotográfico con imaxes obtidas en Friufe, Agolada e parroquias limítrofes a finais dos anos 50 e na década dos 60. Agradézolle profundamente a súa xenerosidade ao compartir con todos nós estas reliquias dese pasado que empeza a esvaecerse nas nosas lembranzas. Hai uns meses publiquei aquí unha entrada con dúas imaxes que me facilitara Santiago López Faílde. Naquel momento descoñecía a identidade do fotógrafo. Agora non só sabemos que pertencen a Jesús Faílde Oro, senón que ademais vimos de corroborar a calidade e valor artístico e documental que xa apuntabamos naquel momento. Paulatinamente iremos publicando aquí estas xoias e estou convencido de que serán do agrado de moitos lectores, especialmente dos aqualatenses.
O verán chama imperativo coas súas seituras nas casas de Faílde e Laparte. Bule a aldea mentres o castro Marcelín preside maxestoso o horizonte do norleste. Entre a Vila Grande e Marcelín vibra mallador o aire nun boureo permanente de mollos en trafego. Da meda ao palleiro anda a palla alporizada e a promesa candeal de pan centeo conduce ás tullas da fartura ben gardada. Unha ledicia colectiva e comunal circula entre suores e pó durante horas na espera do remate do labor. No silencio dos motores, que abrouxan aos paxaros, agromará a festa campesiña, correrán o viño e os compangos e os contos-cantos compartidos no descanso...

As imaxes son elocuentes por si soas. Falan dese pasado aínda recente e recendente. Recollen escenas que endexamais voltarán, xentes que xa non están.
A harmonía da composición e a calidade das imaxes son características comúns nas fotografías que coñezo de Jesús Faílde Oro. Que sexan do voso agrado!

6 comentarios:

  1. A malla era un traballo ben duro. Aínda hoxe dicimos, para expresar moito cansancio, que "estamos mallados". Pero era o cumio da colleita, por iso tiña tamén unha vertente festiva.

    As fotos que vexo que traes son unha verdadeira reliquia. Todo un pracer poder admiralas
    (Xa falaremos do autor, que eses apelidos resúltanme coñecidos a estoutro lado do Farelo)

    Apertas

    ResponderEliminar
  2. Las fotos son bonitas.

    Ton van Vliet

    ResponderEliminar
  3. Son unha xoia tanto pola historia e costumismo que conteñen como pola composición ca que foron feitas. A última especialmente é unha fermosura.

    ResponderEliminar
  4. Que marabilla de fotos! Encántanme as fotos das mallas porque eu case non teño acordo delas.

    ResponderEliminar