11 de xaneiro de 2011

O AUGADOR DA FEIRA

Foto dun augador obtida en 1926 por Ruth Matilda Anderson
Posto fixo de augador na feira e festa do San Vitoiro (Allariz)Entre os variopintos personaxes que poboaron antano as numerosas feiras da nosa terra, figuraban os augadores. Habíaos de dous tipos: fixos e ambulantes. Os primeiros tiñan a garrafa da auga de tamaño grande e montada sobre unha mesa. Os segundos usaban unha garrafa máis pequena: levábana ao lombo e andaban polo medio da xente ofrecendo a súa mercadoría: "Auga de limón fría e doce...! Un vaso de auga en pleno verán acadou prezos de ata un real.
A garrafa consistía nunha vasilla cilíndrica ou cilindrocónica, recuberta por fóra con cortizas de sobreira, con billote na base se era para estar fixa enriba dunha mesa, e con cano na parte estreita se era para levar ás costas. Esta última ía provista dunha correa de coiro para dependurar do ombreiro. Para aumentar a eficacia da cortiza que a recubría, poñíaselle por riba ramas de árbore ou fentos.
O augador levaba na man unha cesta de lata con asa, chea de auga, e nela portaba os vasos para beber.
A auga preparábana con azucre e zume de limón, ou no seu canto con esencias mercadas na botica, que resultaban máis baratas.
O augador fixo contaba tamén cun barreño de auga ao seu carón para conter os vasos.
Os augadores ambulantes adoitaban ser sempre homes, mais os postos fixos estaban a miúdo atendidos por mulleres.
Imaxes extraídas da "Historia de Galicia" de D. Ramón Otero Pedrayo. Texto reelaborado sobre un fragmento do mesmo libro.
Trebellos dun augador:En Agolada hai varios pozos no entorno do campo da feira nas casas do Castor, do Caldeireiro, do Ramón do Comercio (Blanquito), na da Periqueira, na casa de Antonio... Nos principios do século XX construíuse un novo pozo na praza da feira para surtir aos augadores e aos polbeiros. Cómpre sinalar que a fonte que hoxe campea no centro da praza inaugurouse en 1956. A partir dese momento o pozo da praza deixou de empregarse para extraer auga e os polbeiros utilizárono para verter a auga de cocer das caldeiras. Os restos de polbo e a auga de cocer remataron por emitir un cheiro desagradable, e iso conduciu ao concello a inutilizalo.
Son moitos os veciños que aínda lembran a presenza dos augadores na feira do 12 de Agolada.

3 comentarios:

  1. A figura dos augadores nas feiras é algo inédito para min. Imaxino que foi algo que me pasou simplemente desapercibido, xa que lembro os copleiros e supoño que non andarían moi lonxe uns dos outros.

    Apertas

    ResponderEliminar
  2. O que me deixou abraiada non foron os augadores senón que o pozo tivera que ser pechado porque algúns o empregaron para verter lixo.

    ResponderEliminar
  3. O do augador tiña sentido cando non se descubriran os "oranges" e máis tarde as "mirindas", pero nos cincuenta e sobre todo nos 60, isto xa case era historia.
    Menos mal que pecharon o pozo, isto foi parecido a cando apareceron as traídas de auga e se encanaron as augas residuais aos vellos pozos vaia erro.
    Desde O Pico Sacro.

    ResponderEliminar