14 de febreiro de 2011

ALAMBIKES DE SAÚDE

Os deportes, que como o ciclismo de montaña ou o cicloturismo, nos adentran na natureza respetándoa, deixan de ser mero exercicio físico e convértense en alambiques/alamBIKES de saúde e pracer.
O domingo 6 de febreiro, as terras de Agolada co cumio do Farelo como referente, servíronnos como escenario de privilexio para a práctica do cicloturismo de montaña aos esforzados "alambikeiros".
Aldeas, arquitectura popular, patrimonio arqueolóxico, paisaxes de media montaña... e o parque eólico do Farelo. Todos comentamos os inconvenientes que supoñen para a paisaxe estes parques eólicos e a vantaxe dos camiños que abriron paso ás bicicletas cara o horizonte do Farelo. Antano era imposible acadar este cumio pedaleando.
Aldeas bañadas polo cálido sol de febreiro e a soidade de contrapunto no abandono de Santomé.
Petroglifos de marcados labirintos indescifrables. San humor para encontrarlles un sentido ás pegadas litográficas de milenios.
Mallar o corpo por corredoiras que foron e xa non son, sentir nas pernas a dureza da fatiga ou viceversa e culminar a faena arredor dunha mesa reparadora de viandas cocidas e de sa alegría compartida. Así é o cicloturismo: un alambique/alamBIKE de saúde.

1 comentario:

  1. A subida é dura; pero as vistas son macanudas. Xa vexo que hai músculo (e bo avituallamento!).
    Apertas

    ResponderEliminar