28 de febreiro de 2011

OS HIPERCRÍTICOS

Ao abordar este tema síntome de forma parecida a quen precisa elevar a voz para esixirlles aos demais que non falen a berros.
En xeral, gusto das persoas, confórtome coas súas virtudes e descúlpolles os defectos con bastante facilidade (quen ousa dicir que non os ten?). Pero existen caracteres que exceden os meus límites da tolerancia pasiva: os hipercríticos, os inquisidores, os hipócritas, os traidores e os aduladores. Hoxe ocupareime dos hipercríticos, non porque coñeza moitos, afortunadamente, pero quizais falar de como son me axude a soportalos e a aprender a compadecelos. Si, creo que merecen tanta dose de compaixón como de purga pública para evidenciar o seu excesivo ácido verbal, capaz de provocar un clima de malestar e incomodidade entre o auditorio que os debe aturar.
Os hipercríticos están aí ao carón. Non son lexión, pero a súa presenza é sempre notoria. Un hipercrítico sempre destaca no medio dun grupo porque é a antítese dun tímido. Soe ser ousado e mordaz. Tamén dogmático infalible, ou viceversa. Tende a monopolizar as conversas e reconduce calquera tema que se aborde ao seu terreo natural: a realidade hiperbolizada, sometida á lupa deformante dunha visión ríxida e tendenciosa. Séntese con autoridade para opinar sobre calquera materia, asunto ou disciplina. E non se basta con iso, pontifica arreo e denigra aos demais cunha facilidade asombrosa. Desde a óptica destes "espécimes" todo resulta censurable, non só os feitos, tamén as persoas. Non deixan nada ao chou. O labor de destrución verbalízano cun discurso arrogante e implacable sen outro obxectivo que o da destrución gratuíta. Posúen unha extraordinaria habilidade para enxuizar ao próximo, ao que consideran un compendio de defectos e vicios. Un hipercrítico, pola simple lei da probabilidade, hai veces que acerta nas súas diatribas, mais sempre se distinguirá pola exacerbación na censura.
Bastante comunmente, a un hipercrítico soe ocurrirlle algo semellante a aqueloutro ao que todos os sitios lle cheiraban mal e atribuíao a un xeral descoido da hixiene, tildando de marráns aos que alí habitaban. Non foi quen de decatarse de que era el quen levaba a pestilencia ancorada na bocarribeira do seu propio apéndice nasal.

3 comentarios:

  1. Ultimamente estes especímenes dos que falas, mesmo semella que estan no seu idóneo caldo de cultivo.
    Son expertos criticadores en todo o que afecta á colectividade, e -de xeito simultáneo- nulos constructores do ben común...
    O corpo pide nomealos avogados do diaño, pero dudo moito que o demo os aceptase baixo o seu manto.
    Hainos, afofé que si.

    ResponderEliminar
  2. hai peculiaridades de outra xente que teñen o poder de desquiciarnos; inflase a vea do pescozo coa raiba e a impotencia de non poderlles pechar a boca cun pouco de bosta.
    polo menos a min.
    Entendote moi ben.

    ResponderEliminar
  3. Co voso permiso permítome opinar: que os envidiosos e resentidos, son case que sempre os hipercríticos, se partimos da relatividade da verdade e da mentira, chegamos a conclusión de que non hai razonamentos absolutos, vivimos se a todo se lle pode chamar vivir, e morremos se non aceptamos a transformación da vida orgánica noutras logo de pasar pola "simplicidade" da materia. Os hipercrícos están por encima da realidade sublímanse nun estado irreal e cando chocan coa realidade esnáfranse, aínda que antes poden facer moito mal.
    Desde o Pico Sacrol.

    ResponderEliminar