14 de febreiro de 2011

A SEITURA E A MALLA EN FERREIROA E A COSTA

Hai momentos no ano que son definidores dunha existencia. Os traballos da seitura e das mallas supoñían tanta dose de esforzo como de ledicia. A palla deixaba de ser unha promesa bambeada polo vento para converterse en feliz realidade gra nas huchas e nos celeiros.
Desde a aldea, estes labores vivíanse como unha dura tarefa soportada coa alegría do traballo comunal. Poucas veces se vivía con tanto apuro o traballo, a máquina de mallar cobraba por minutos. Quen viña de fóra (emigrante de vacacións ou foráneo) advertía neste labor unhas características e unha plasticidade que o facían merecente de figurar nas fototecas do futuro.
Raúl Torreiro Sarandeses, o autor destas tomas, retornaba cada verán desde Bilbao á súa aldea natal: A Costa de Ferreiroa. Nos anos 60 recolleu a maxia deste labor en A Costa. Escenas semellantes tamén impactaran a Jesús Faílde Oro en Friufe e ao holandés Ton van Vliet en Agolada e Vilariño.
A eira, entre valados, acollía un bulicio inusitado. Medas e hórreos presidían a festa cereal.
Organización e distribución dos labores. Sombreiros e boinas acalmaban os rigores solares. Unha ollada ao fotógrafo rompía a monotonía e anunciaba a posteridade.
Brazos e máis brazos, xente a esgalla. A que tanto se bota de menos nas aldeas actuais. Agora sei que xente e ledicia son case sinónimos.

3 comentarios:

  1. Duro traballo o da seiutra e a malla. A min pilláronme o suficientemente pequeno como para poder eludir o esforzo e beneficiarme da parte gastronómica: gustábame moito o que chamaban "caldo das mallas".

    Apertas dende a invernía de Antas

    ResponderEliminar
  2. A malla que romántico e que duro, os máis novos colliamos grandes gabelas de palla con forquita de mango alto e para encima do palleiro, os máis vellos espallaban, as mulleres desataban os monllos e outras sacaban os caños cunha xesta de codesos, os rapaces desataban os monllos, e ían a froita das hortas, un mañoso da palla facía o carapucho moi ben adornado, as veces encumiados cun cata-vento ou unha martabela; chegabas a mañanciña dunha festa, andando, e xa escoitabas o corno soando, para empezar a malla do trigo, logo do centeo e ao final da avea....cánticos, loitas coas mozas, viño e pan e non había máis.
    Desde O Pico Sacro.

    ResponderEliminar
  3. Que completa e fermosa descrición nos aportas desde o Pico Sacro. Lembranza de tempos idos da infancia e da xunventude. Pero tamén historia e etnografía.
    Unha aperta desde a mirada cercana do Farelo.

    ResponderEliminar