6 de xullo de 2011

AFECCIÓNS DE ANTANO

Medio século de historia pode transformar a fisionomía da paisaxe, virar notoriamente os costumes sociais, pero hai parcelas vitais que continúan invariables ou con moi lixeiros cambios. Reservar unha parte do noso tempo ao lecer continúa vixente como antano. O xeito de facelo diversificouse nesta era dixital pero non mellorou. O goce do tempo de ocio non consiste en ter unha enorme oferta senón en valorar o que se posúe en cada momento.
Recentemente recibín outra remesa de imaxes de Jesús Faílde Oro. Volvo a reiterarlle publicamente o meu agradecemento por tan estimable tesouro que me/nos permite recuperar fragmentos da nosa intrahistoria e saborear a pátina do tempo en branco e negro. Dentro da remesa fixen unha pequena escolma que recolle momentos de ocio e afeccións que non foron alleos ao ollo de Jesús Faílde.
A lectura
"Ler un libro era un dos poucos praceres que podiamos permitirnos, ademais de ser unha xanela para soñar mundos mellores".
Praia fluvial
"Para mitigar a calor do verán iamos á Gurgullosa (Carral), onde había un regato pequeno. Bañabámonos facéndolles compañía ás ras, pero disfrutabamos sen traumas nin complexos dos escasos recursos que había".
"O rego do muíño tamén servía para refrescarse".
A música
"Fusas e corcheas a tutiplén" e unha cara de felicidade absoluta.
A arte cinexética




"Estampa cinexética ou castrense. Definitivamente decantaríase pola primeira. O rapaz rematou sendo un entusiasta cazador como xa o fora seu pai".

"O sheriff cazador. Dato curioso: na placa do cinto figura a inscrición "jefe", pero ao revés, para poder lela el mesmo".
Mascotas:


"Un xovencísimo domador de gatos".

Antonio de Luís de Friufe acariña tenramente ao seu can.
Inicios ciclistas:

"Equilibrio na bici". José Antonio Abeledo (Jhony) vese que empezou cedo na práctica ciclista.

" O matrimonio Baralleiro co seu fillo Carlos, a quen lembro desde pequeno e xa era experto en facer piruetas coa bicicleta. Tiña que montala ladeado por debaixo do cadro para poder chegar aos pedais. Os pais, xente servicial e traballadora. Con frecuencia iamos alí a tomar o pulpo, sobre todo os días de feira".

"Melena ao vento. Estes dous mozos de Agolada paseando na bici" pola calella de acceso á praza, diante da droguería. Moi curioso o séquito que os acompaña facéndolles o claque.
O turismo:

"Este Renault Gordini, matrícula PO-33.476, fotografado diante do castelo de La Mota en Medina del Campo, foi o meu primeiro coche, comprado de segunda man, impecable. Lembro que para encendelo había que "tirarlle polo aire" e no inverno cando xeaba era preciso usar unha manivela para arrincalo. No ano 1965 leveino ao San Pedro e non puiden ir polo camiño porque era un lameiro, pero conseguín pasar a través do monte da Fonte de Cántaras. Quería ser o primeiro en chegar cun turismo a Friufe e saborear o meu particular minuto de gloria".

(Os textos entre comiñas son apuntamentos de Jesús Faílde).

4 comentarios:

  1. ¡Que bonito de ver! Especial las de 'Equilibrio na bici' y 'O sherif cazador'. Ton van Vliet

    ResponderEliminar
  2. Veume moi ben a información entre paréntese do final, xa que estaba pensando que eras demasiado precoz para conducir en 1965 o Renault da foto!
    (O do neno equilibrista na bici é de vértixe)

    Apertas

    ResponderEliminar
  3. Un gordini, que perigosos, chamábanlle o coche das viúvas, coñecín a varios homes que naqueles tempos morreron porque esvaraban so simplemente ao frear a vinte por hora e quedaban virados o ían por un barranco.
    Desde O Pico Sacro.

    ResponderEliminar
  4. Perdom polo off-topic que vou cometer... Só queria fazer um comentário sobre da etimologia de "Agolada" que este blogue propom. Na minha terra (ocidente de Astúrias) umha "golada" é um passo aberto, geralmente chão, entre duas alturas e tem por sinónimo o termo, tamém freqüente, "sela". A palavra seria irmã em forma e fundo do castelhano "collada" e viria do latim *COLLATAM.
    Por isso pergunto: "Agolada" poderia ser "A Golada"? O sítio onde está o lugar responde a umha tal configuraçom territorial? Que dim os documentos medievais?

    ResponderEliminar