29 de outubro de 2011

MARCO XURISDICIONAL DE CARMOEGA

Mapa de Galicia no Antigo Réxime. Neste mapa de Fernández Oxea recóllense como topónimos pertencentes ao actual concello de Agolada os seguintes: Reboredo tierra, río Arnego, Carmorga (actualmente Carmoega) e P. Carmorga (Ponte Carmoega).
No Antigo Réxime o territorio galego estivo organizado en sete provincias. Cada provincia dividíase en diferentes xurisdicións (os actuais concellos constituiríanse en 1833-1834), administradas por un escribán e un xuíz e baixo o señorío dalgún mosteiro, institución ou nobre. O que hoxe denominamos Agolada estaba repartido en catro xurisdicións diferentes:
XURISDICIÓN DE VENTOSA: formada polas parroquias de Ventosa, A Baíña, Bais, Esperante, Ferreiroa, Gurgueiro, San Mamede de Lamas, Merlín, Santa Comba, Val de Sangorza, Vilariño, Sesto, Agra, As Trabancas, Santa María de Basadre, San Estevo de Basadre e Ramil.
Nesta xurisdición exercía o seu señorío o arcebispo de Santiago.
XURISDICIÓN DE BORRAXEIROS: integrada polas parroquias de San Xoán de Couso, San Miguel de Cabanelas, Santiago de Eidián, Santalla de Artoño, Santa María de Berredo e Santiago de O Sexo.
Exercía o señorío nesta xurisdición o conde de Borraxeiros.
XURISDICIÓN DE CARMOEGA: Formada unicamente pola parroquia de Carmoega na que exercía o señorío a obra pía do Santi Spiritus de Melide.
Non deixa de ser sorprendente o caso desta parroquia tendo en conta que non era frecuente encontrar xurisdicións monoparroquiais e tamén por aparecer grafiado o seu topónimo no mapa de F. Oxea, así como a súa ponte de orixe medieval.
Cabe indicar igualmente que a parroquia de Brocos non pertencía a ninguha das anteriores xurisdicións senón a de Abeancos que estaba formada por parroquias dos actuais concellos de Santiso e Melide.
É preciso sinalar tamén que aquí se citan parroquias que hoxe non o son porque nalgún momento da historia posterior pasaron a integrarse en parroquias colindantes: San Mamede de Lamas integrouse en As Trabancas, San Miguel de Cabanelas e San Xoán de Couso pertencen na actualidade a San Cristovo de Borraxeiros e as parroquias de San Estevo de Basadre integrouse en Santa María de Basadre.
En relación co contexto anterior quero traer hoxe a descuberta dun marco pétreo nos lindeiros da parroquia de Carmoega onde esta limita co lugar de A Feira Nova de Brántega. Conversando con Xosé Fernández Soengas, veciño e A Feira Nova, do antigo camiño que comunicaba a Filgueira, lugar da parroquia de Carmoega, co resto da parroquia informoume da existencia deste singular fito granítico adornado dunha sinxela cruz en altorrelevo. Inmediatamente todos os referentes me levaron a especular coa posibilidade de que se tratase dun marco xurisdicional (coma os marcos das leiras, pero máis importante porque delimitaban termos xurisdicionais). Que sexa de cantería nunha zona onde a pedra só é esquistosa, que estea na beira dun camiño valado que marca a divisoria das parroquias de Carmoega e Brántega e que nel figure unha cruz, quizais alusiva ao Santi Spíritus de Melide, concédelle suficiente relevancia para rescatalo do esquecemento e divulgar a súa existencia desde a humildade mediática deste caderno.
O valado que pode verse nesta imaxe, cuberto de vexetación, delimitaba o camiño que ascendía desde Carmoega ata a Filgueira. Incrustado nel e cuberto de hedra ocultábase esta pequena parafita xurisdicional.

1 comentario:

  1. Pois sóame ben o nome de Carmorga. Seguriño que ti xa estudaches a evolución ata o nome actual; pero non sería debido a unha confusión dos fonemas "r" polo "e"?.
    Apertas dende a xurisdición do Castro de Amarante

    ResponderEliminar