16 de novembro de 2011

CASA SIDORIO. VENTOSA


A principios do presente ano fun invitado por Vtelevisión para servirlles de condutor-presentador dunha reportaxe sobre a entrañable Casa Sidorio de Ventosa, enmarcada xunto con outras tres nun capítulo do programa De Bares. A ignorancia é ousada e aceptei por deferencia a quen sen coñecerte che concede a honra de pensar en ti para tal cometido. Tamén pola amizade que me une desde sempre co propietario, Antonio Diéguez, fillo do fundador da casa, Isidoro Diéguez (Sidorio).
Casa Sidorio en Ventosa é moito máis ca un bar (dinlle o Corte Inglés sen escaleiras). É supermercado, droguería, ferraxería, bar, restaurante por encarga. Vende o mellor bacallau da comarca, é especialista en produtos de pesca e tamén algo de caza, vende pensos, fertilizantes, materiais para a construción, algúns produtos de confección, etc. Todo en pequena escala pero cun servizo de primeira: a atención dos seus propietarios Antonio e Maricarmen e un horario desde primeira hora da mañá ata a medianoite converten a este establecemento no mellor servizo que se lles pode facer aos veciños da contorna, que non é pequena. A clientela chega desde case todo o concello de Agolada, algunhas parroquias de Rodeiro, de Lalín de Antas de Ulla...
Velaquí un momento da rodaxe.
O café e as partidas de cartas ou dominó. A retranca e parrafeos que se gastan os clientes...
Momento no que o cámara grava a foto do fundador da casa, Sidorio Diéguez, onde aparece coa súa dona.Leo Toral, director do programa, repasa o guión.
Antonio Diéguez, de pé con chaleco vermello, atendendo á clientela.

1 comentario:

  1. Xa era hora de que alguén escribise sobre Casa Sidorio, a verdade e que Antonio e familia merecen esta pequena homenaxe e o recoñecemento do seu bo facer.

    Apertas

    PD::Esta entrada teño que enviala polo mundo adiante que sei duns cuantos que gozaran con ela.

    ResponderEliminar