16 de decembro de 2011

TEMPOS DE RENOVACIÓN NO AQUAM LATAM


Andamos en período de renovación como facilmente pode observarse nunha rápida ollada. Unha renovación nas formas, que non no fondo. Porque andamos de aniversario. Tal mes coma este de hai cinco anos arrincaba esta idea. E aquí seguimos, con algo menos de frecuencia, pero con idéntica intención. Hai varios motivos que animan a seguir nesta arela e de entre eles o principal é saber que ao outro lado, nos lugares máis insospeitados,  aínda queda xente que entra a asalar por esta ventaniña. Sen lectores isto non tería sentido, o obxectivo era difundir e dar a coñecer Agolada a propios e estraños. E quédanos unha leve sensación de que despois deste ensaio ao longo dun lustro permitiu que moita xente nos coñecese e soubese de nós. Agolada tamén existe: un anaquiño da Galicia central, insignificante se só se olla desde unha óptica urbana, pero enorme se se analiza co rigor que todo territorio merece.
Agolada sempre existiu, cos seus labregos e as súas feiras, cos seus pazos e fidalgos, coa aperta mollada do Ulla e do Arnego  e coa soberbia do Farelo mandando nas alturas. Pero na era dixital tamén compría existir na Rede e nesa tarefa aplicámonos para contar cun caderno dotado de contidos tanxibles e de interese relativos  a esta terra.
Aquí seguiremos namentres nos queden folgos, aínda que as correntes actuais parece ser que discorren con máis pulo polas redes sociais. Eu son dos que cre en que non existen formatos excluíntes senón complementarios.

6 comentarios:

  1. Visito diariamente Aquam Latam e sempre atopo algo interesante. Gústame o novo formato e teño a sensación de que as imaxes gañan calidade. Grazas por esta fiestra e que cumpras moitos máis...
    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Parabéns polo novo formato. Ánimo e feliz aninovo desde INICIARTE.

    ResponderEliminar
  3. Gústame o novo formato, aínda que máis me gustan os contidos. Como dixen sempre é unha fermosa fiestra cara ás terras de Agolada aberta para todo o mundo.
    Unha aperta, moito ánimo e felices festas. César.

    ResponderEliminar
  4. Case todo o que coñezo e sei de Agolada é por ti e por este blog. Non importa a menor frecuencia de entradas e tampouco o formato escollido (aínda que agradezo a renovación, como de maioría de idade). Porque o ben feito permanece, importa seguir iluminando co facho do saber esas terras e estas mentes. Adiante con outros cinco!

    ResponderEliminar
  5. O teu blog é a miña referencia dende os meus comenzos blogueiros. Grazas ó Aquam Latam aprendín moitas cousas de Agolada e tamén do meu propio pobo.
    Se ti lle lavas a cara, seguramente terei que ir pensando en lavarlla eu á Chousa. Aínda que...sonche algo perguiceiro. Iso sí, sigo atento ós teus contidos.
    Apertas

    ResponderEliminar
  6. Parabéns por ese aniversario.
    Que logo pasa o tempo !.
    Aprendín muito deste blogo e espero seguir aprendendo anque mude a apariencia.
    Agora a facer outros cinco anos máis, polo menos.

    ResponderEliminar