26 de abril de 2012

OS CRUCEIROS DE AGOLADA

Está fóra de toda dúbida que os cruceiros constitúen un inxente tesouro da arquitectura popular, que cómpre salientar e que merece todas as atencións e coidados. Neste catálogo exhaustivo que compilei en varios anos, percorrendo camiños e pescudando no territorio, souben da desaparición de sete cruceiros, de destrozos noutros que aínda seguen en pé (o do colexio de Agolada, o de Secundino en Agolada,o da Costa-Ferreiroa,un de Bidueiros, o de A Lagoa...), de mutilacións (campo de A Saleta de As Trabancas), de substitucións por outro de recente factura(caso do de Eidián e o da capela do San Ramón de Artoño). Tractores e xugadas de vacas contribuíron á desfeita de algúns que cadraron en pasos angostos (O Sexo, O Sobrado de Brántega, A Igrexa de Órrea), outros sucumbiron ao paso de novas pistas e estradas (na entrada da Feiranova, no cruce dos camiños do Sisto en Órrea)...Un grupo numeroso sufriron un traslado que os desarraigou do seu lugar de orixe (o da igrexa de Santa Comba, o da igrexa e o do cemiterio de Friufe, o do cemiterio de Brocos, os do campo de A Saleta en As Trabancas...).
Para a catalogación destes cruceiros encontrei unha non resolta dificultade: cando unha cruz acada a categoría de cruceiro?
Este traballo queda como constancia dunha catalogación que co paso dos anos determinará o grao de atención que nos merecen estas manifestacións tan sobranceiras da arquitectura popular.
Outra idea que me inspirou o coñecemento de todos os cruceiros de Agolada é a da súa factura. Os cruceiros de Agolada son sinxelos, sen excesos ornamentais e moi poucos con iconografía. Unha evidencia dunha economía nada propensa a excesos. Por iconografía e factura sobresaen o do tío Estevo en Cristín, o procesional da igrexa de Brántega, o procesional da igrexa de Vilariño e o procesional da igrexa de Santa Comba.
Outro apunte necesario neste exposición é citar que catro dos cruceiros aquí catalogados foron erixidos nos últimos vinte anos (Eidián, chalet de Lamas, o do Aceiteiro de Laxe-Ventosa, un dos que está no adro da igrexa de Agolada). Unha última reflexión suxírema o mapa da distribución parroquial dos cruceiros. Cinco parroquias de chan granítico (Ventosa, As Trabancas, Borraxeiros, Ferreiroa e Merlín) albergan 43 dos 79 cruceiros catalogados. Os seis cruceiros de Órrea quizais se poidan xustificar facilmente por ser terra de raigame monástica.

4 comentarios:

  1. Magnífico traballo. Un impresionante percorrido por uns elementos característicos da paisaxe e do patrimonio da nosa terra.
    Saúdos. César.

    ResponderEliminar
  2. ENCÁNTAME O TEU BLOG, PARA OS QUE ESTAMOS LONXE COMA MIN E BOTAMOS DE MENOS A NOSA AGOLADA,É UNHA MANEIRA DE MATAR UN POUCO A MORRIÑA. ADEMAIS DE QUE ESTÁ MOI BEN FEITO E TODOS AS REPORTAXES SUPERDOCUMENTADAS. GRACIAS DESDE PALMA DE MALLORCA.

    ResponderEliminar
  3. Impresionante. E podo presumir do meu vencello cun dos máis fermosos con outro dos máis eufemisticamente "inxenuos". Por certo, en moitos deles hai demasiadas similitudes como case para facer un estudo comparativo. Non me parezan que sexan obra de moitos canteiros distintos. Saúdos.

    ResponderEliminar