26 de xuño de 2012

PENSAMENTOS

A estas flores tan fermosas e coridas chámanlles pensamentos (Viola tricolor). Atopei con elas nese deambular constante  pola nosa terra e pasmei ante a súa evidente beleza. E inmediatamente, nunha sinxela asociación de ideas e de contrastes, matinei noutros pensamentos, que me levaron aos problemas que máis nos acucian no próximo e no distante.
Os pensamentos viñan cargados de preguntas ao chou e  quedaban no aire sen respostas apuradas:
Como frear o despoboamento que asola o rural?
Por que neste noso país non hai máis emprendedores?
É tan utópico o cooperativismo para botar a andar un proxecto?
Son os políticos tan nefastos como os percibimos?
A corrupción é xa  un mal endémico contra o que nada podemos?
Serán prescindibles as bibliotecas?
Como é posible que Agolada encabece a lista dos concellos onde máis lumes houbo no 2011 e a do municipio con maior perda de poboación en termos porcentuais de toda Galicia?
Conseguiremos superar as dificultades só coa maledicencia e os rancores moitas veces asentados na soberbia, na prepotencia, na envexa, no individualismo?
A onde conduce a desunión?
Bares, 32 - Bibliotecas, 0. Gañaremos así as Euro"copas"?
Hai dúas maneiras de abordar as feridas: tratar de curalas ou furgar nelas e que sigan deitando sangue. Desde logo, non me gusta furgar nas feridas. Gustaríame aportar solucións poñendo unha miga de optimismo. A inacción só conduce ao abismo. A unión creo que pode actuar como o mellor remedio. Xuntarse, sentarse, pensar, razoar, deliberar, buscar solucións. Nós. Para nós. Sen esperar aos de fóra. Os nosos problemas tócanos a nós resolvelos.
Dei volta para a casa e continuaban os pensamentos...

3 comentarios:

  1. Pensamentos idealistas para un tempo sen idéas nas mentes de quen as deberían ter a moreas.

    ResponderEliminar
  2. Pode ser que necesitemos que nos arrinquen os dentes para decatarnos que son moi necesarios...

    Apertas

    ResponderEliminar
  3. Corren malos tempos para pensar no ben común. Estamos nunha época de supervivencia propia por riba dos demáis.

    ResponderEliminar