22 de xaneiro de 2013

A FEIRA DE MONTERROSO EN 1959

A Galicia central tivo importantísmas feiras. Constituíron a mellor manifestación da vida social e comercial do campesiñado. Monterroso, Agolada, Melide, Lalín, Arzúa, Chantada, Lousadela, Grolos, Guimarei, A Gouxa, Río (Rodeiro), Taboada, Palas de Rei, Antas de Ulla, O Páramo, Portomarín, Sarria, A Pobra de San Xiao, Castroverde, Parga, Rábade, Friol, As Cruces de Sobrado, A Illana (Curtis), Silleda, Aciveiro, Cuspedriños... son algúns exemplos do antedito. Na actualidade estas feiras decaeron ao compás do deterioro da vida no campo. Esta Galicia rural que non é capaz de deter o despoboamento sangrante, esta vida moderna que alonxou a tanta xente do duro e mal pagado traballo de labrego, contempla resignada o devalo das feiras sen que autoridades e comerciantes lle acaben de ver algunha solución. Máis adiante habemos de lamentar. Pero os tempos non están para laiar, queren acción, solucións, demandan imaxinación en unidade, o empuxe das exsangües forzas que aínda latexan.
As feiras de antano, coma esta de 1959 en Monterroso, eran ricas naquela vida pobre e elemental. Eran ricas no plano social, enchían camiños e vilas de vida pulando en cada recanto, un universo de personaxes, de anécdotas e historias, unha cosmovisión en diminutivo. Quen non teña vivido algunha daquelas feiras nunca entenderá a dimensión que a vida rural representou no pasado desta nosa Terra. Carecerá de elementos suficientes para entender ese noso pasado recente.
 Monterroso vén de celebrar hai dous anos con orgullo e repercusión mediática o quinto centenario documentado da súa relevante feira. Non sei se contaron con estas imaxes, de seguro que si (extraídas dun documental do NODO e aloxadas na web de RTVE). Ver este documental trasládanos nunha viaxe no tempo a unha Galicia que custodiaba o máis auténtico do que fomos.
Agora que Agolada observa como a súa feira de gando esmorece (sendo como foi a reserva de carne de calidade para abasto de carnicerías de media Galicia e Asturias), cómpre sacar ideas e forzas para conservar a esencia deste pasado feiral rico e ancestral á par que a restauración de Os Pendellos. Para min son facetas indisolubles, anverso e reverso da mesma moeda.

4 comentarios:

  1. A VERDADE É QUE É UNHA MÁGOA, PERO AS FEIRAS TAL E COMO AS CEÑECEMOS ATA AGORA É MOI POSIBLE QUE EN MENOS DE DEZ ANOS AS DEIXEMOS DE VER EN MOITOS LUGARES DE GALICIA, ENTRE ELES A NOSA AGOLADA, TEÑO SO 33 ANOS E XA NON TEÑEN NADA QUE VER CAS DE CANDO EU ERA NENO, XA NON FALEMOS AS DA ÉPOCA DOS MEUS PAIS OU AVÓS, EU QUE VIVO EN MALLORCA E VOU POLO POBO CADA DOUS OU TRES MESES, DAME PENA CANDO COINCIDE CUNHA FEIRA DO DOCE E VEXO QUE NON SENDO XULLO OU AGOSTO CADA VEZ VAN A MENOS. EN PARTE É NORMAL, XA QUE SI EU TIVESE GANDO PRA VENDER E MO VIÑESEN A MERCAR Á CASA COMO SE FAI HOXE EN DÍA, POIS XA NON Ó LEVARÍA Á FEIRA. EU NON SEI CAL É A SOLUCIÓN PORQUE ESO É COUSA DOS POLÍTICOS PERO É UNHA VERDADEIRA PENA O FUTURO QUE LLES ESPERAN A MOITAS DAS FEIRAS NA NOSA GALICIA. UN SALUDO E FELICIDADES POLO TEU BLOGUE, SEMPRE CHO DIGO.

    ResponderEliminar
  2. Fermosas fotos, e que nos dan unha idea do que debían ser as feiras por aqueles anos. Seguro que as xentes que as coñeceron lémbranas con nostalxia.
    Apertas.

    ResponderEliminar
  3. Posiblemente queden como algo do folclore galego, esas feiras que eu vivín, era un símbolo do poder económico da época en cada comarca, no 1968 estiven na de Monterroso e logo na de Agolada, teño en recorno moi grato por ámbalas dúas, tiña ido de neno a feiras como a de Ponte Ulla, á do 26 en Lestedo a onde ía a Marela Trabela, eran moito máis pequenas.
    En Santiago hoxe Alameda tamén eran grandes mais non tiñan o encanto das comarcais. Aquel 12 de abril de 1969, feira de ano na Agolada foi algo impresionante. Ogallá nunca morra.
    Desde o Pico Sacro.

    ResponderEliminar
  4. Este comentario foi eliminado por un administrador do blog.

    ResponderEliminar