21 de xuño de 2013

IN ILLO TEMPORE

Calquera tempo pasado foi mellor. É unha máxima que nace produto da nostalxia e da distancia que o tempo vai deixando no ronsel da historia. Agolada tivo tempos mellores, iso creo eu. A imaxe que escollo para ilustrar esta entrada, con corenta anos de perspectiva, pertence a unha época de indubidable dinamismo social, caracterizada polo traballo, o compromiso, o sacrificio, a esperanza e unha sólida base demográfica. Había confianza no futuro e optimismo á hora de acometer calquera empresa. O que menos había era cartos, nin falta que facían, porque onde hai decisión e unidade colectiva abonda para que as cousas roden a pesar das carencias materiais. 
Hai algún tempo, unha amiga que aparece retratada nesta imaxe confesábame  a súa sorpresa por que a época do Teleclub de Agolada nunca tivese aparecido neste blog, nin fose obxectivo das miñas crónicas. Eu indiqueille que lle tiña reservado un lugar preferente e coa intención de dedicarlle un capítulo especial neste caderno. Pero fun aprazando a tarefa á espera dun momento con escasas ocupacións persoais. Hoxe paso a cumprir parte do cometido sen atender a ese capítulo especial e quero empezar por partes, sen esperar a ter reunido e ordenado todo un aquivo gráfico e ter que glosar todas as andanzas daquela época.
Poderiamos chamarlle "A época do Teleclub". A min tocoume vivila en primeira persoa e ter colaborado con aqueles amigos e compañeiros (case toda a xuventude da vila de Agolada) en proxectos varios que foron verdadeiros revulsivos  culturais e sociais). Un local e un televisor serviron de aglutinantes para reunirnos. Os proxectos empezaron alí: obras de teatro, coro de canto     para as festividades eclesiásticas, inicio dunha rondalla, as cabalgadas de Reis con nacemento vivente, a festa dos choferes en varias ocasións, excursións, reparto de xoguetes desde o campanario da igrexa, intercambios co teleclub de Coruxo (Vigo) e veladas culturais na Sala de Festas, chocolatadas varias, bailes de disfraces amañados con máis imaxinación e ilusión ca medios...
O Teleclub tivo longa e profunda repercusión naquel momento (o televisor era secundario, o miolo estaba nas actividades que se proxectaban alí) e tivo importantes actores en varias persoas: Pepita Folgueiras encabezou coa súa familia a aquela xuventude ilusionada, Xosé Ramón Negro puxo a súa sapiencia, creatividade e simpatía, Julio, Tucho, Eva e Luís Blanco, Fernando Galego, Carlos Ramos, Román Eiras, Raquel e Teté Méndez, Marisa Coego, Gema Fernández, Nilo e Álvaro García, Carlos e Chus García, Miro e Alberto Galego, Julia Vilar, Eva Buxán, Ramiro Varela, Manuel Busto ... e outros moitos aportaron ilusión, traballo, ideas e ganas de ser felices e útiles.
A foto que encabeza este artigo corresponde a unha desas iniciativas, a participación nas carrozas da Festa dos Coches. Un San Cristovo rodeado de tipismo galego, esa era a representación, sobre un camión engalanado con lareira galega e carneira. Ai, a anécdota da carneira! Deixáronnos unha carneira vella de madeira para lucila no camión como moble de recheo. Dentro ía un xamón todo cheo de mofo, vello, de anos. A dona rexeitou o xamón porque creu que xa sería produto incomestible, relado e podrecido. Alguén durante a procesión da caravana aventurouse a encetalo cun coitelo mal afiado e aí xurdiu a sopresa: un excelente e exquisito xamón doado para regalía dos compoñentes daquela sorprendida "comitiva". Foi a principios dos anos 70, na carballeira do Santas, á beira da estrada de Ventosa.
NOTA: Van alá varios meses sen actualizar este blog. Un silencio profiláctico e necesario. Non sei se algún día volverá ser o que foi, porque cando falta a ilusión, as cousas nunca volven ser iguais. E si, fáltame ilusión porque ma foron roubando traizoeiramente. Un silencio necesario porque cómpre reflexionar se tanto esforzo e dedicación terá xusta correspondencia nos seus destinatarios. Din que cada pobo ten os políticos que merece (é dicir: se os ten malos, é porque non saber elixir outros mellores). E eu pregúntome se isto que eu escribo aquí é o que merece Agolada. Ou se non o merece. E tamén me pregunto quen son eu para escribir e patrimonializar Agolada coma se fose un territorio que me pertencese. Pensastes algunha vez por que dicimos: "Este é o meu pobo"? Ninguén quere dicir que o pobo lle pertenza, máis ben indica que ese é o pobo ao que el pertence. Eu pertenzo a esta terra e a terra non me pertence a min; ou quizais si, porque dicían: "a terra  para quen a traballa" e eu recalco: a terra para quen a percorre, para quen a estuda, para quen a ama, para quen a coñece, para quen a difunde, para quen a exalta. Non busco tributos nin reverencias nin recoñecementos, non dou leccións nin teorizo sobre o divino e o humano, só escribo e enredo neste caderno, que un día xermolou espontaneamente e algúns lectores agradeceron porque viron nel algo que lles gorentou. Namentres haxa lectores farei o esforzo de alongar o traballo para que Agolada viva aínda que sexa máis no meu recordo ca na miña presenza. Mesmo estas letras "nacen" (nunca mellor dito) na distancia, nunha maternidade da Coruña, onde levo varios días recluído por obrigas familiares.
Hoxe deixo aquí un saúdo agradecido aos leais e sufridos lectores que pasastes por aquí sen atopar novidades durante meses e un recordo especial e concreto para Gonzalo deica Tomiño, para Javier deica Cabo de Cruz, para Julio deica Santiago, para Ton van Vliet deica  Holanda, para un descoñecido que vive en California...., que sei que me seguen con asiduidade.

7 comentarios:

  1. Alégrome que voltes a publicar estes artigos con tanto sentimento e esas fotos que sen verbas tanto din.
    Animarche que segas adiante, pese a quen lle pese, porque esta testemuña dixital que estás a deixar non ten precio... ogallá tódolos pobos tivesen o seu aquam latam particular. ¡¡¡ÁNIMO!!!

    Javier do Civil

    ResponderEliminar
  2. Ánimo co blogo.
    Desconfía dos espías dende California.
    Un saúdo dende Vilaguindastre.
    Agolada agradecerá o teu esforzo se non hoxe, no futuro.

    ResponderEliminar
  3. Alégrame que o sol do verán e o cariño dos amigos recarguen novamente as baterías do AQUAM LATAM, sen esquecer que hai silencios que valen máis que mil palabras.
    A caron do monte Louro, en Muros de San Pedro, quero felicitar os amigos que celebrades o San Pedro de Carmoega, o San Pedro de Ferreiroa, o San Pedro de Melide, o San Pedro de Brandomil, o San Pedro de Busto, e o San Pedro de Pambre.
    Unha aperta especial para Carmen.
    Cuco de Pambre.

    ResponderEliminar
  4. Ánimo, mucho ánimo con el blog. Es de mucha calidad.
    Y que sepas que también desde Euskadi se te sigue con mucho interés.

    ResponderEliminar
  5. Manolo, véxote moi "anclado" no pasado, e eso non é bo. Hai que mirar para diante!!!. O presente tamén existe.
    Unha aperta,
    Luís

    ResponderEliminar
  6. Sempre é un placer ler cousas túas, amigo Busto, tardes o que tardes en escribilas.

    ResponderEliminar
  7. Animo Manolo,
    O bo de escribir, é que Verba Manent..
    O bo de contar a historia, é que fai Historia

    apertas

    ResponderEliminar