29 de decembro de 2013

A VELLA PRAZA DE AGOLADA

A imaxe pode corresponder aos últimos anos da década dos 60 ou aos primeiros da década dos 70. Un vendaval de "urbanismo" alterou definitivamente o aspecto desta vella praza da feira. Ese é o nome que a min me gustaría darlle a este lugar. Non se chama así. Antano unha placa de mármore rezaba: "Plaza del Generalísimo". A placa desapareceu e hoxe, sen que se saiba quen lle modificou o nome, desígnase xeralmente como Praza do Concello. A principios dos anos 80 estreábase, no lugar que aparece á esquerda nesta imaxe, a nova casa do Concello. Para construíla e para ampliar a praza foi preciso derrubar os pendellos que aquí podemos observar. Unha decisión que desde o punto de vista actual creo que merecería unha reflexión. Isto sucedía antes de que en 1985 se declarase Conxunto Histórico-Artístico.
Esta é a praza da feira. Moitos lembramos nesta subida cara a rúa San Pedro os polbeiros situados en ringleiras, aliñados a ambas beiras do camiño, as panadeiras cos seu moletes de pantrigo e a feira do grao e do millo corvo. Na esquina inferior esquerda as lousas que tapaban o pozo que deu de beber á feira durante decenios, empregado finalmente para verter a auga de cocer das caldeiras dos polbeiros.
Un coche ocupa na foto o estreito paso da rúa San Pedro onde lembramos aos impedidos e eivados pedindo esmola apelando á alma dos defuntiños dos viandantes que se dirixían á feira dos porcos. Toda unha historia, da que botamos de menos aquel xentío que acugulaba este espazo.
O motivo da imaxe non foi a arquitectura, senón os mozos que subían a saber a onde. Posibles destinos: á misa ou ao bar do Pepe Tolo ou... Entre todos eles só son capaz de recoñecer a Alfonso Vidal.
En resumo, un lugar e un tempo idos.

3 comentarios:

  1. Ata eu, que nin nacín nin me criei nas terras de Agolada, sinto unha mestura de pena e de amargura por terse perdido todo aquelo, que pode que fose un pouco miserento na forma de vida, pero que vendo o que vexo hoxe en día nas nosas vilas e cidades penso que a auténtica miseria é a de hoxe en día.

    A melancolía pode vir de que a miña familia tamén pisou esas feiras e eses pendellos. (fernando de Quián)

    ResponderEliminar
  2. Unha aperta grande para ti e cantos visitan esta bitácora que é un canto de loubanza para as terras veciñas de Agolada. Que o 2014 nos vaia traendo o sentidiño que parece que fuxiu da nosa sociedade.

    ResponderEliminar
  3. É incrible que deixaran derrubar un lugar así.

    ResponderEliminar