3 de decembro de 2013

TRINTA E CINCO ANOS NO PONTILLÓN

Trinta e cinco anos dan para moito. As cousas mudan. A xente tamén. Eis unha proba irrefutable: a imaxe de arriba, tomada por Ton van Vliet en 1978, e a de abaixo, de hai dez días, recollen un barrio de Agolada que coñecemos como O Pontillón situado na saída do casco urbano pola estrada que conduce a Ventosa e Rodeiro. Sen dúbida mudou algo, non só na cor da foto. A estrada, renovada hai uns anos, transcorre polo traxecto que traía o camiño real que viña desde a ponte de Pedroso. Ao chegar a esta zona tiña que vadear un regueiro que só no inverno acada un caudal reseñable. Para as grandes invernías construírase aquí unha pontella de pedra, hoxe substituída polos anódinos tubos de formigón, que lle deu nome ao lugar.
En calquera caso, a contemplación das imaxes permítenos ver a evolución dos últimos 35 anos. Vimos avanzar os edificios e os automóbiles en detrimento das árbores e dos carros de tracción animal. Transformación e progreso. Comodidade e velocidade gañadas e outras cousas seguramente perdidas. Pois velaquí un antes e un agora. Un pasado e un presente enmarañado visualmente con cables. Que teremos dentro doutros sete lustros?

2 comentarios:

  1. o ritmo que imos dentro de 35 anos a foto primeira.

    ResponderEliminar
  2. gracias polo teu blogue , estaba buscando castros pra visitaren na Golada. moi bo traballo.
    Ramom

    ResponderEliminar