14 de xaneiro de 2014

ANTONIO PRESAS DOCUMENTA O CASTRO DE ARTOÑO

O pasado domingo Faro de Vigo publicaba a noticia da confirmación da existencia dun castro en Artoño por parte do xeógrafo e investigador Antonio Presas, compañeiro e amigo. É unha noticia que me aleda especialmente e por varios motivos. Primeiro pola constatación da existencia do propio castro; segundo, porque revaloriza e enriquece o noso patrimonio; terceiro, polo traballo exhaustivo e documentado graficamente e con achados de muíños planos, etc. Tamén porque se confirman as miñas hipóteses de hai anos de simple afeccionado que aprendeu a coñecer e amar a cultura castrexa á beira do propio Antonio Presas. Desde aquí quero expresarlle a Antonio Presas o meu recoñecemento e agradecerlle a citación expresa a este blog, onde atopou a inspiración para a súa posterior pescuda e estudo.
A continuación deixo as ligazóns dos artigos dedicados antano neste blog a esta hipótese.
CASTRO EN ARTOÑO?
CASTRO DE ARTOÑO
A CULTURA CASTREXA EN AGOLADA
Baixando ao terreo da anécdota quixera indicar como intuín a posible existencia deste castro. Ocorreu nunha calorosa mañá ciclista dun verán  acometendo a costa que sobe desde Outeiro de Artoño cara a San Paio de Bais. Nun punto da costa fixen unha parada para descansar e beber con tranquilidade. No momento de empinar o botellín da auga, coa vista elevada no horizonte e na distancia quixeron os meus ollos reparar na conformación do outeiro que hai tras o campo da festa do San Ramón. Todo o que sabía da cultura castrexa levoume a valorar aquel lugar como lugar idóneo para asentar un castro. E aquí naceu a miña inquedanza. Ademais tiña certa lóxica, a poboación que hoxe circunda o castro tería nacido vinte séculos atrás ao amparo da muralla castrexa. E as condicións do lugar reunían todas as caracteríticas que require un bo asentamento castrexo. Se eu vivise na época prerromana non dubidaría en elixir este lugar para fortificar nel a aldea.

4 comentarios:

  1. Con esta noticias moitas veces perxudícase aos donos das fincas. Este é un traballo que debería facer a consellería, e non calquera "alegremente".

    ResponderEliminar
  2. Con esta noticias moitas veces perxudícase aos donos das fincas. Este é un traballo que debería facer a consellería, e non calquera "alegremente".

    ResponderEliminar
  3. Pois eu creo que ten moito mérito a xente que de maneira totalmente altruísta se dedica a estudar e velar por todos os valores do Patrimonio. Se houbese que esperar sempre polas Consellerías perderíanse moitos elementos de valor, simplemente porque o patrimonio por tan extenso é case inabarcable por moi poderosa que sexa a Administración. E o argumento de que se perxudica aos donos das fincas, paréceme moi endeble aínda que certo. Se se perxudica aos donos tamén é certo que se beneficia a todos en xeral. Patrimonio quere dicir Ben de todos, aínda que a propiedade sexa do particular. Iso si, unha propiedade con certas limitacións. O ideal sempre sería que a Conselleria comprase a propiedade deses terreos. E de onde saca os cartos?
    Non me parecen acertados os termos do comentario anterior "calquera" e "alegremente". Ese calquera podería traducirse aquí por "axentes sociais ou culturais" (tan necesarios en calquera sociedade que se precie) e o de "alegremente" máis ben podería interpretarse como "responsablemente" e de maneira documentada. Teño entendido que Antonio Presas é autor dun libro sobre os castros de Lalín.

    ResponderEliminar
  4. Para min non hai dúbida algunha de que en Artoño hai un castro, é un castro seguro. O resto é o que pasa día a día con todo isto e cada un pode valoralo como queira pero se non hai un mínimo control do Patrimonio corremos o risco de ir quedando sen nada. A maioría dos habitantes deste País queremos que haxa unha boa convivencia entre o Patrimonio e a explotación sostible dos recursos porque é posible.

    ResponderEliminar