28 de abril de 2015

XABIER QUIROGA, PREMIO DA CRÍTICA 2015


Hoxe quero sumarme, desde a tribuna do Aquam Latam, ao coro das felicitacións que por diferentes vías lle chegan ao amigo e compañeiro Xabier Quiroga pola concesión do recente Premio da Crítica 2015. Modalidade  Lingua Galega. Narrativa. E fágoo desde a confianza e a alegría. Sen dúbida, Xabier é merecente de múltiples galardóns, por tanto traballo; por tanta paixón; polo firme compromiso coa lingua, coa literatura e coa cultura galegas; polo amor á Terra; pola íntima vinculación coa Ribeira Sacra, escenario recorrente na súa narrativa; pola teima en conquerir densidade e solidez na súa obra literaria; pola súa organización e dedicación ao marabilloso e difícil oficio do novelista. Aínda han chegar máis recoñecementos para a obra publicada e para outros froitos literarios xa madurecidos e outros tantos por nacer.
Para ilustrar esta felicitación quixen escoller unha foto de Xabier na súa terra (O Saviñao), asomado a unha xanela que olla o camiño que conduce á carballeira do Tourón. Na mirada de Xabier é fácil intuír a alegría dunha xornada feliz na bocarribeira do Miño cando o aire trae recendos de cereixa e o grilar da primavera.
Que a literatura lle traia moitos sorrisos de cereixa e nós que gocemos longamente coa súa narrativa  e a súa amizade.

1 comentario: