17 de xullo de 2015

MEMORIAS DUN VALOUTÉS (VII). A COCEDURA DO PAN


Relato autobiográfico de José Antonio Fernández Sucasas, onde narra as súas vivencias de infancia e xuventude en Vilariño (Agolada).
Quédanos describir a panificación, último paso para ter xa o pan de cada día na mesa. Para iso había que preparar a masa e o forno.
Para a masa, primeiramente  cribábase a fariña na artesa, deixando ao carón o salvado ou casca do cereal, que se daba aos animais. Despois, a fariña  amasábase con auga, sal e fermento (levadura feita de masa da fornada anterior).
Quentar o forno, de pedra tanto no lar como na bóveda, levaba unhas tres horas. Este labor facíao sempre a miña avoa, quen, coa súa característica parsimonia, ía facendo lume con leña seca de toxo, xesta ou piñeiro, ata que as pedras se poñían brancas. Ela sabía por experiencia que este sinal indicaba que o forno estaba xa suficientemente caldeado para a cocedura. Nese momento, cunhas ramas de loureiro, varríase o lar, botando a cinza e as brasas nunha cavidade que había por baixo, chamada pateira. Cunha pa de madeira plana, redonda e cun mango moi longo, íase introducindo toda a fornada: dúas ou tres bolas, e cinco, seis..., oito moletes de pan. Tamén se podía enfornar algunha empanada, e na súa época, castañas. Ao cabo de dúas horas, podían sacarse, primeiro as bolas, delgadas, e despois os pans.
Igual que cando ía ao muíño, ou na malla, entretíñame vendo todo o proceso de fabricación do pan, sentado á beira do forno, mirando como a miña avoa facía o lume; e esperaba ansioso a que saísen os primeiros pans, para probalos así, recén sacados do forno; era unha pequena festa.


1 comentario:

  1. O relato fíxome lembrar que cando cocía o meu veciño Remigio sempre facía un boneco de masa para min. E ás veces espetaba na masa bocados de touciño e de chourizo...Agora mesmo lembro aquel marabilloso recendo que saía do forno...

    Apertas de verán

    ResponderEliminar