18 de setembro de 2015

RECREACIÓN DA ALDEA DE AGOLADA EN 1910

Esta imaxe foi publicada neste mesmo caderno hai xa máis de oito anos. Desde entón percorreu varios recantos de Internet con desigual fortuna e incluso saltou a publicacións en papel sen que mediase permiso ou autorización de ningunha clase. Hai quen pregoa que Internet ten barra libre. A omisión da fonte de onde se toma é, en certa maneira, unha forma de arrogarse a autoría.
A foto non foi tomada por min, pero si hai detrás desta imaxe captada pola empresa madrileña Paisajes Españoles un importante traballo persoal de retoque fotográfico, usando o cursor clonador para debuxar sobre a imaxe orixinal eliminando construcións e recreando outras.
A imaxe pretende ofrecer unha idealización da actual vila de Agolada remontándose no tempo ata 1910. Esa data non está tomada ao chou, nese ano comezouse a construción da estrada N-640 e rompeu a fisionomía daquela aldea variando o eixe sobre o que xiraba a vida dos seus moradores. Esa nova estrada, máis que a importantísima feira que aquí se celebraba e que aínda se mantén no presente cos cambios consabidos, foi o verdadeiro detonante que fixo medrar este enclave. Daquela, as estradas traían xente, non coma na actualidade, que máis ca traer, levan a pouca que queda.
Esta aldea desde 1788 fíxose acreedora dunha nomeada feira. A principal razón que convocou aquí tal evento era a súa situación nun nó de numerosos camiños.
1. O camiño que figura co número 1 podía conducir ás terras de Taboada (pola Aldea do Monte e a Somoza), Rodeiro (polo Alto da Fraga e Adelán) e maiormente a Ourense por Biduieros, Quintela, Laxe (Ventosa) Grixanova, Axiaz, Pedroso, Alemparte, A Rocha, Rañestras, A Pena de Francia, A Gouxa, Coiras, Carballeda, O Reino. Neste punto bifurcábase cara o Carballiño e O Ribeiro pasando por Lousado, Boedes, Lobás, A Piteira, Arcos, etc. e a outra derivación ía cara a Cea e Ourense.
2. O Camiño sinalado na imaxe co número 2 dirixíase a Ferreiroa, A Costa, Laxosa e aquí bifurcábase cara a Ponte dos Cabalos (por onde se podía ir a Lalín ou a O Vento- Bermés) e cara a Gurgueiro.
3. O camiño sinalado co 3 era o máis importante e probablemente o máis antigo dos que aquí arribaban. Conducía á Ponte Vilariño, previo paso polo Canaval, O Coche e Tribás. Pasada a ponte subía a Cadrón, seguía por O Castelo, cruzaba a Ponte das Abellas, chegaba a Cancelas e seguía pola parroquia de Palmou ( A Estrada) e Erbo ( O Barreirón, As Tabernas, Igrexa). Subía a O Vento e seguía por Santiso, Bendoiro (aquí encontrábase co camiño real que comunicaba Ourense con Santiago), Prado, A Borralla ata a Ponte Taboada...Segundo a estudosa dos camiños medievais, Elisa Ferreira Priegue, este é un camiño medieval que xa existía na época romana, onde sería unha vía secundaria.
4. O camiño 4 son na práctica dous camiños, pois a trescentos metros da aldea de Agolada bifurcábase pola esquerda cara a Santiago de Compostela e pola dereita cara a Ponte medieval de Arcediago. O camiño a Compostela pasaba á beira da Zarra de Caldo, chegaba ao Cruceiro onde apartaba o camiño para Carral, seguía por Marcelín, Friufe e a Vila Grande. Pasaba á beira do cruceiro do Covelo, lambía o muro norte da igrexa de Merlín, chegaba a O Valadoiro e dirixíase a Brántega en empinado descenso polo Candeiro. Baixaba ao Sobrado, a Igrexa, Castro, As Torres e chegaba á Ponte medieval de Toiriz. Logo pasaba por As Cruces, Cumeiro, Carbia, Ponte Ledesma....
5. O camiño 5 dirixíase a Borraxeiros (Couso, O Quinteiro, A Ermida, Rego Traveso, Mexide, etc.) bifurcábase cara a ponte medieval de Basadre e a ponte de Ramil previo paso por Amance, Basadroa e tamén valía para ir ás terras de Facha, Chorexe, Santa Mariña, Palas de Rei...
O camiño 6 pasaba por San Mamede de Lamas e tamén por Romariz, As Trabancas, Trascastro, O Marco, Ludeiro, O Castro, Antas de Ulla, Dorra, Esporiz, Monterroso e permitía ir cara a Lugo e Portomarín.
Os camiño 7 era un camiño veciñal, chamado o camiño do Muíño. Igualmente, o número 8 era un camiño de servidume agrícola.
Esta apaixoante historia de camiños queda a medio tecer, pois non me parece este o medio máis axeitado para enumerar o inxente patrimonio arqueolóxico que flanqueaba estas vías, nas que ademais abundaban as tabernas, os cruceiros e a microtoponimia alude a feitos que explican a súa historia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario