19 de outubro de 2015

GOLADA

O título desta entrada non é o topónimo da vila pontevedresa dos Pendellos, aínda que durante un tempo fose usado como tal, produto do descoñecemento da lingua galega e dos mínimos fundamentos da toponimia.
Unha GOLADA, segundo os dicionarios de Estraviz e o Gran Dicionario de Xerais é un porto de montaña ou embocadura dun río entre ladeiras máis elevadas. Vén a ser unha sorte de garganta entre dous montes que a circundan. 
Na imaxe vemos a Golada de Valongo, lugar de paso natural entre o Alto de Valongo e o Alto das Becerreiras, nos Ancares. No mapa topográfico que amosamos na seguinte imaxe aparecen grafiadas e subliñadas as "goladas" das Brañas, da Trapa, de Valongo e de Cardiadelos. Todas no cordal dos Ancares, entre os cumios Tres Bispos, ao norte, e o Penarrubia, ao sur.
Na serra do Courel, os cumios acadan menos altura e os pasos entre dous altos son menos angostos e máis achanzados. No Courel non se denominan GOLADAS, senón CAMPAS.
O topónimo da vila de AGOLADA ten outra explicación ben diferente, non se trata dun paso estreito entre montañas. Xa foi explicado neste caderno amplamente e con reiteración argumentada. O topónimo AGOLADA provén de dous termos latinos AQUAM LATAM, é dicir, "auga levada", "auga conducida". Houbo en Agolada unha construción pétrea, unha condución de auga a un muíño que estaba a medio camiño entre A Zanquiña e O Pontillón. A auga procedía do Regueiro a onde baixaban os mananciais das fontes Barreira, Fontelas, Gorgullós e Fontearcada.

1 comentario:

  1. Moi interesante. A toponimia danos moitas pistas sobre os lugares e as cousas que alí pasaron. Un saúdo.

    ResponderEliminar