11 de outubro de 2015

TERRITORIO DA GALICIA CENTRAL

Desde o monte Carrio (espléndida atalaia das terras de Deza), ollando cara o norleste albíscase nitidamente o territorio alto de Agolada, definido esencialmente polos solos graníticos e a presenza do Farelo.
A imaxe recolle a zona que corresponde á conca fluvial do Arnego, no seu tramo medio. Ao lonxe, o territorio de Agolada (coas parroquias de As Trabancas, Ferreiroa, Esperante, Ventosa. Vilariño e Gurgueiro apenas se albiscan)  e en primeiro plano o territorio de Lalín pertencente ás parroquia de Bermés, Palmou, Erbo, Cangas, Cadrón, Parada e Muimenta).
A liña do horizonte (agás os montes da Vacaloura) é un límite natural montañoso, correspondente á Dorsal Galega, entre as provincias de Lugo e Pontevedra, e xa na Idade Media servía de confín ao Condado de Deza.
Este territorio da Galicia central, cunha elevación media superior aos 500 metros sobre o nivel marítimo, ten un clima oceánico-continental, cunha pluviosidade abundante e temperaturas oscilantes pero nunca extremas. A agricultura e a gandeiría foron historicamente as actividades principais das xentes que poboaron  castros e aldeas. O agro sempre agradeceu o esforzo e o bosque prodigouse en froitos, madeira e leña, suficientes para vivir. E paradoxicamente, agora que o rural conta con moitos servizos dos que antes carecía, cada vez máis é un territorio en abandono. Creo que algo estamos a facer mal. Mais non acerto a saber qué.

Ningún comentario:

Publicar un comentario