25 de outubro de 2015

TÓPICA DA CASA. Gonzalo Navaza

 Terras que dende o Carrio escorregan ó Arnego, 
zarras, soutos, devesas, pomares, centeeiras, 
pardiñeiros escuros onde funga a curuxa
e o paspallás buliga entre o millo e a veza,

lugares e labores do sangue antepasado, 
barro de que estou feito, raíz, carnaz, carozo,
estribeira da idade, faiado dos antontes,
remoto manancial das bágoas dos meus ollos,

abeirado horizonte da cabal cepa mestra, 
corda deste falar, sabugo destes xornes,
da atávica bigornia chega a calor ó peito
se na luz do serán soletreo os teus nomes

e asoma a cerna á voz conforme os vou dicindo, 
Palmou, Toiriz, Quintá, Besexos, Campo, Carbia,
Portafixón, Mosteiro, Coto de Barrio, O Vento,
Pena Redonda, O Piago, A Ponte da Campaina,

As Seixas, Santo André, O Camballón, Fornelos,
Cercio, Brántega, As Cruces, Galegos, A Goleta,
Bermés, Mouroces, Erbo, O Cello, Val do Carrio, 
Pena Guntín, Abonxo, Cumeiro, Carmoega.

Riolas de romeiros atravesando os séculos 
achegan ata aquí esa ingrávida herdanza.
Coa friaxe do inverno baixan do monte os lobos
a axexaren a xente no bosque das palabras.
(Publicado en Dorna, nº 21, 1995) 


Ningún comentario:

Publicar un comentario