6 de novembro de 2015

MEMORIAS DUN VALOUTÉS (IX)

RELATO AUTOBIOGRÁFICO DE JOSÉ ANTONIO FERNÁNDEZ SUCASAS, ONDE NARRA AS VIVENCIAS DA SÚA INFANCIA E XUVENTUDE NA SÚA ALDEA NATAL: VILARIÑO (AGOLADA). 
O millo era outro produto básico na agricultura: transformado en fariña para o gando vacún e porcino, e, en gran, para as galiñas. A fariña milla tamén era algo utilizada no consumo humano, porque nalgunhas casas mesturábase con fariña de centeo para panificar, e noutros fogares ata se elaboraba pan, perfectamente distinguible polo seu sabor e a cor amarela, só con millo.

O millo sementábase ao final da primavera, rotando co centeo, como xa explicamos. Un persoa ía deixando caer as sementes, gran a gran, no suco que abría o arado. O resto do proceso non era tan traballoso como o do centeo, nin esixía esas présas. Agora ben, cando empezaba a crecer, había que cavalo, quitándolle a herba coa sacha, e pouco despois, rendalo de novo co arado, para cubrir algo máis de terra os aínda pequenos talos. E todos estes labores facíanse en xuño, por iso era necesario buscar algúns ocos para compaxinalos coas segas xa descritas de centeo e da herba, coas que coincidía no tempo. Ao terminar o verán, os milleirais agostáronse, e alá por outubro, sen agobios, cada día cortábanse co fouciño unhas poucas plantas e levábanse no carro para algún dos cobertizos da casa para esfollalas polas noites: as espigas recollíanse en cestas e carrexábanse ao hórreo; e os talos secos atábanse en feixes para forraxe das vacas.

Na esfolla ou escarocha participabamos todos, nenos e maiores, e a miúdo algún outro familiar ou veciño que viña axudar. Era un traballo fácil e entretido, e ata podía converterse nun xogo “a ver quen reinaba”. A maior parte das mazarocas eran amarelas, pero había unha pequena porcentaxe de vermellas (ou “raíñas”) ademais dalgunhas aínda máis raras, veteadas; entón, considerábase que ía gañando, “reinando”, o que atopara a última mazaroca vermella. Pero podía haber pequenas trampas: de día, as raíñas distinguíanse pola cor das follas que as recubrían; pero de noite, á luz da lúa ou cunha tenue luz artificial, era máis difícil diferenciar as cores; e aproveitando a escuridade, cando alguén atopaba unha raíña, podía gardala camufladamente ao seu lado, sen esfollar, para facelo ao final, cando xa se terminaron as espigas, e berrar: “raíña!”. Aínda que os demais adoitaban darse conta de que aquel non era un reinado casual, e, en consecuencia, tampouco legal.

A comida típica deste tempo eran as castañas, que empezaban a recollerse a mediados de outubro e podían durar ata pasado o Nadal. Comíanse preferentemente á cea, case como prato único, asadas ou cocidas.
Nestas longas noites, se quedaba tempo, aínda se xogaba a partida ás cartas. Na “Brisca”, de catro ou de seis, había algúns considerados expertos, aínda que non sempre o fosen que levaban o xogo, isto é, dirixían, decatándose primeiro das cartas dos seus compañeiros polos acenos (diversos xestos da cabeza, ollos ou boca) que estes lles transmitían e mandando logo xogar esta ou aquela carta; ao mesmo tempo habían de estar atentos aos contrarios, por se podían captar os seus acenos e descubrir que cartas tiñan. Unhas veces acertaban na dirección e outras non tanto, por iso ao término de cada partida orixinábanse as correspondentes discusións sobre a conveniencia de botar outra carta en tal ou cal xogada; ou pola contra, convíñase en que estivera ben. E xunto a este entretemento que podemos considerar principal, as mulleres facían algún labor doméstico, ou, no pouco tempo libre de que dispoñían, charlaban. Aos máis pequenos pronto lles entraba o sono, con que eran os primeiros en irse á cama; quizais unha ou dúas horas máis tarde, deitábanse os demais.
Un pouco antes que o millo recollíanse as patacas. Nos meus tempos infantís a pataca era un dos compoñentes alimenticios de toda comida: no caldo; para acompañar a verdura, a carne ou os chorizos; en tortilla; patacas fritas con ovos... E, seguramente, o sabor máis especial o adquirise cando se asaban nas borreas (tamén chamadas borrallos, que eran moreas de torróns queimados).

A pataca e o millo, coincidentes no tempo, cultivábanse tamén dunha forma similar; non entanto, as patacas precisaban varias mans de sulfato para evitar que os escaravellos devorasen toda a plantación. Cando a rama se agostaba, co arado de pau abríanse os sucos e recollíanse os tubérculos que estaban á vista, coa man, e despois, removendo a terra coa sacha, aqueles que aínda quedaban algo enterrados. Seguidamente, carrexábanse en cestas ata o carro, e neste á casa, onde a miña avoa, pausadamente, ía separando as grandes, para as comidas diarias de todo o ano, das pequenas ou algo estropeadas, destinadas aos animais.

Descritos os cultivos centrais, poderiamos falar doutros considerados menores, aos que se dedicaba menos tempo, espazo e coidados; ente estes poderiamos contar as verduras (coles, repolos...), guisantes, garavanzos ou fabas. Aos frutais aínda se lles daba menos valor: producían, si, pero sen apenas coidados, en plan case silvestre. Salvo as mazás, peras, castañas e noces, que se recollían e gardaban, as outras froitas (claudias, ameixas, cereixas, pexegos...) comíanse soamente durante o curto lapso de tempo en que permanecían maduras na árbore, pouco máis de quince días.
Sería prolixo enumerar outras serie de traballos non mencionados ata agora, pero que formaban parte dos quefaceres diarios (as mulleres cos seus moitos labores no fogar, os homes botando auga de rego aos prados, por exemplo) ou ocasionais en grao sumo diverso, poñamos por caso, retellar a casa, varrer a folla, extraer o mel e a cera dunha colmea ou construír un carro. A lista sería moi longa, e ata engorroso detallar cada un. Así que, os citados, aínda que non nos poderán dar unha visión total, si serán polo menos representativos e ilustrarán sobre a vida daquelas terras cara a 1960.

Pasamos a outra páxina para ver novas historias nas que tamén poden aparecer referencias a estas ou outros labores campesiños.

Ningún comentario:

Publicar un comentario