18 de novembro de 2015

MEMORIAS DUN VALOUTÉS ( X ) AQUELA XENTE

RELATO AUTOBIOGRÁFICO DE JOSÉ ANTONIO FERNÁNDEZ SUCASAS, ONDE NARRA AS VIVENCIAS DA SÚA INFANCIA E XUVENTUDE NA SÚA ALDEA NATAL: VILARIÑO (AGOLADA). 
Igual que no home, o físico e o psíquico son influenciables, existe unha evidente interrelación do home co medio no que vive. Os homes dun territorio son como son porque, entre outras cousas, móvense nunha paisaxe física concreta, e, ao revés, unhas xeracións transmiten a outras unha cultura, unha forma de seguir convivindo nese espazo material, conservándoo e transformándoo á vez, para desenvolverse máis plena e felizmente.
Ao programar un currículo escolar, imos dividindo en partes a realidade (Ciencias Naturais, Matemáticas, Lingua...), pero tendo sempre en conta unha relación entre estas materias. Algo parecido facemos ao avanzar nestas Memorias: partimos a vida en capítulos ou “aspectos”, tendo presente que hai moitos puntos de contacto entre uns e outros. Non sería posible illar, por exemplo, as xentes ás que en breve me referirei das terras do capítulo anterior.
Centrados xa no aspecto humano, habería que matizar diferenzas entre os individuos e a sociedade. Cada persoa é un ser único, distinto a todos os seus conxéneres, polo cal, sen chegar nunca a unha definición perfecta, poderiamos ir pasando revista a cada un daqueles paisanos que eu coñecía (non, desde logo, nun sentido profundo) e explicando características da súa personalidade; pero é igualmente verdade que, seguindo outro camiño, pódese xeralizar e concluír que todos os membros da sociedade na que eu nacín tiñan unhas formas de ser e de actuar con moitas semellanzas. Optei por esta segunda, fixándome máis no xeral ca no particular, aínda que farei alusión a algúns elementos da comunidade que poderiamos cualificar como personaxes debido ás súas rarezas, teimas, xenialidades..., por ser máis coñecidos que os demais.
Non podemos perder de vista que estamos falando das xentes de Vilariño, unha sociedade rural da primeira metade do século XX, cuxas familias vivían basicamente da agricultura e a gandeiría.
Neste contexto social, había uns poucos que, no sentido estrito, non poderiamos encadralos como agricultores, porque tiñan outra profesión; pero tampouco cabería falar deles totalmente á marxe, porque esoutra profesión adoitaban exercela como secundaria (dedicándolle menos tempo ou ocasionalmente), ou ben, no caso de que algún a tivese como principal, seguramente o resto da familia cultivaba a terra, polo que o que xa había unha dependencia da labranza.
Citemos aquí aos canteiros, especialistas en picar e colocar as pedras para levantar as paredes das casas; os carpinteiros, reclamados para facer mobles ou as partes de madeira das vivendas, e, sobre todo, apeiros de labranza, como carros, arados, gradas...; os cerralleiros, que deambulaban de porta en porta reparando caldeiros e paraugas, ou afiando coitelos e tesoiras; os xastres e costureiras, que confeccionaban distintas pezas de roupa, tanto de faena como de festa; tamén había algún reloxeiro, ao que se levaban os reloxos de parede e de peto; e perruqueiros aos que se ía polas noites; os taberneiros tiñan unha dobre función xa que as tabernas eran á vez tendas de ultramarinos e bares. Os carteiros repartían e recollían as cartas, con frecuencia variable. Algúns profesionais como estes últimos si existían en todas as parroquias; outros, polo menos nunha pequena como a de Vilariño, non sempre era posible atopalos.
E, enumeradas de pasada algunhas desas profesións que imos chamar marxinais, volvamos á de máis peso, a esa da que nunca podemos illar ao habitante rural. A este grupo social habemos de velo en simbiose cos animais e coas plantas. Os labradores, cultivando a terra co seu propio esforzo e o dos animais de tiro, conseguían o necesario para a manutención humana e animal.
Dos animais, a vaca era o de maior relevancia económica, polas súas crías (primeira fonte de ingresos da casa), o leite e os seus derivados e o seu traballo diario no arrastre. En segundo lugar habería que situar o porco: a matanza tiña lugar nos días máis fríos do ano; a carne porcina estaba presente case sempre na mesa.
Os nosos pais contaban que na súa nenez tocoulles levar a pastar numerosos rabaños de ovellas, que eran difíciles de gardar e devoraban cantas herbas e arbustos atopaban ao seu paso; na miña época, con todo, quedaba xa moi pouco gando ovino. Menor presenza tiña aínda o equino: en contadas casas existía algún que utilizaban, preferentemente, para ir ao muíño. No curral aparecían case exclusivamente as galiñas, que se reservaban para matar nalgunha festa e importantes tamén pola produción de ovos.
Ademais había outros animais que, aínda que non xeraban directamente riqueza, cumprían outros servizos. É obrigado sinalar o can, gardián de case todas as casas; a súa principal misión era a de “dar a xente” (ladrar cando algún estraño se achegaba á porta da casa). O can dos meus recordos infantís chamábase “Qusico”, e tiña esa fidelidade cara ao amo que se lles atribúe aos cans. Adoitaba acompañarnos cando iamos coas vacas ou a calquera outro dos traballos do campo, e a min admirábame moito como ao lanzar un obxecto e mandarlle que o fose a buscar, el acudía presto e solícito e traíao na boca ata onde estabamos. Sentín pena o día en que lle sobreveu non se que enfermidade, aínda sendo eu moi pequeno, e nuns días morreu. O gato tíñase para cazar os ratos que tantos destrozos causaban nos celeiros.
Moitos outros animais pululaban ao noso redor; algúns como os xa citados roedores, o escaravello da pataca, etc., había que combatelos por perniciosos; a outros, poñamos por caso a miñoca, aínda que non se lles atribuíse a condición de beneficiosos, si o eran. Popularmente, podíanselles imputar en ocasións calidades que non tiñan, considerando, por exemplo, perigosos os lagartos ou que proporcionaban boa sorte as xoaniñas.
Para as plantas podía facerse unha análise do mesmo tipo, ocupándonos detalladamente desas que eran motivos de constantes coidados (millo, trigo, centeo) aquelas herbas malas que había que combater para que deixasen crecer as boas; as que crecían soas, sen apenas prestarlles atención, pero de gran utilidade, como as árbores produtoras de madeira ou froita ou os arbustos que se rozaban para as cortes.
No medio de tantos seres que loitaban por vivir, afanábanse tamén os homes e mulleres deses poboados pequenos aos que chamamos “A Valouta”.
(A primeira fotografía é do propio José Antonio Fernández Sucasas, onde aparece coa súa familia; as seguintes son da autoría do fotógrafo holandés Ton van Vliet, 1979).

Ningún comentario:

Publicar un comentario