22 de xaneiro de 2016

ANTONIO PRESAS GALARDONADO COA FOLLA DE CARBALLO DO CONCELLO DE LALÍN

Antonio Presas García é mestre, profesor xubilado, xeógrafo vocacional e ademais un profundo amante e coñecedor do entorno no que naceu e viviu. O seu vasto saber abrangue a arqueoloxía, a historia, a etnografía, a xeoloxía, a tradición oral, as ciencias naturais... É un erudito que transmite os seus coñecementos con modestia e un estilo didáctico desenrolado ao longo da súa vida profesional. Gusta de aprender e coñecer o mundo a pé e comparte a alegría das descubertas con quen o acompaña. Eu teño a fortuna de compartir con el moitas horas facendo rutas a pé polas terras de Deza e colindantes. Antano tamén nos desprazamos en bicicleta por vales e montañas da contorna. Coñézoo desde 1975, desde cando el habitaba no "Paraíso" a carón da miña residencia en "Breogán" (espero que me admita a confidencia). En 1988 reencontrámonos profesionalmente en Lalín e algúns anos despois aprendín con el a descubrir o engaiolante patrimonio de Deza. En 1999 e ata a súa xubilación fomos compañeiros no IES Laxeiro. O nexo que sempre nos uniu foi o Patrimonio e o noso común amor por Galicia, pola súa cultura, pola súa lingua, o gusto pola bicicleta e as andainas. E tamén a amizade. Agora camiñamos xuntos con certa regularidade, sempre nesa procura do coñecemento, na descuberta de lugares singulares e no goce da compañía mutua. O que nunca imaxinara é  poder conducilo a paraxes para el aínda inexploradas.
A prensa de hoxe informa da concesión da máxima condecoración que o Concello de Lalín concede a persoeiros cunha traxectoria acreditada. Alédame moito esta distinción, porque fai xustiza aos seus desvelos, ao traballo altruísta de moitos anos, ás súas imprescindibles investigacións para o coñecemento da comarca de Deza.
A FOLLA DE CARBALLO. Ese é o galardón que concede o Concello de Lalín. Vénlle moi ao caso. Precisamente na fotografía trata de ilustrar aos que o acompañabamos na diferenza entre un quercus robur e un quercus pyrenaica.
Antonio Presas no cráter da mámoa de Pena Mazoca (O Sisto - Dozón)
 Na procura de petroglifos nun promontorio rochoso de Pedroso (Rodeiro).
 Observando o Penedo das Alabardas no Coto da Aspra (Axiaz - Agolada)
 No ano de Uxío Novoneyra en Parada do Courel, diante da casa do poeta.
 No souto de Parada do Courel, con parte dos seus alumnos.
 En Monte Cido (O Courel) ilustrándonos sobre as dolinas kársticas.
 Na Devesa da Rogueira (O Courel).
 Devesa da Rogueira e Formigueiros.
Admirando a rica flora do Courel.
 Chegando á lagoa da Lucenza.
Devesa no río Zobra.
 Saíndo do rodicio dun muíño no río Zobra.
 Con Manuel de "Mel O Testeiro" nas matogueiras do Candán.
 A carón do río Zobra, na boca dunha mina de estaño abandonada.
 Nunha pontella sobre o río Zobra.

OUTROS MOMENTOS COMPARTIDOS CON ANTONIO PRESAS:
PAISAXE E PATRIMONIO. PERSPECTIVAS
ANTONIO PRESAS DOCUMENTA O CASTRO DE ARTOÑO
XEOMORFOLOXÍA DO FARELO

2 comentarios:

  1. Aínda lembro cando me deu xeografía en terceiro da eso e nos levaba de excursión polos montes próximos ó instituto. Un mestre dos máis vocacionais que tiven.

    ResponderEliminar