10 de xaneiro de 2016

OS PENDELLOS DE BRÁNTEGA

O motivo desta fotografía eran cinco mozos de Brántega en 1952 (Ramón Vilariño, "Calzadas"; Manuel Vilar, Arturo Torreira, Pacita Sarandeses, Federico Méndez e Maruja Sarandeses). Pero o que suscita o meu interese é o espazo onde tomaron a imaxe:  a campa arborada onde se celebraba a feira do gando, dos porcos, das galiñas, dos cacharreiros... E no recanto superior esquerdo desta imaxe, moi escurecido, un pendello expositor do desparecido recinto de pendellos da Feiranova. Alédame especialmente ter conseguido esta estampa, é a primeira imaxe que consigo dos pendellos de Brántega, despois de intentar a súa busca nalgúns arquivos da vecindade. Estou convencido de que non é a única.
Ninguén me soubo dar unha data da orixe desta feira, que cada 26 congregaba neste espazo ás parroquias veciñas, mais todos aseguran que como mínimo é do século XIX. Perdería o seu esplendor nos anos sesenta e xa a principios dos anos 70 desaparecería definitivamente. Eu conservo memoria dela, pero xa moi debilitada e por suposto lembro exactamente as tres ringleiras de pendellos que saían polo oeste do campo da feira, descendendo por tres estreitas canellas. Xa hai bastantes anos que os derrubaron todos, nada queda mais que a memoria. E esta foto vén a rescatarnos do esquecemento.
 Moitos pobos que contaron con estes espazos comunais lamentan hoxe telos tirado e gustarían de conservalos como espazo arquitectónico singular e testemuña física do pasado feiral.

 Nesta segunda foto, actual, á esquerda a taberna do Fraga e a continuación a primeira canella que daba acceso ao recinto dos pendellos. Arredor da feira creceron as tabernas que daban servizo nas feiras, aos camiñantes e á vecindade. A de Fermina (máis tarde de Jaime), a do Fraga,  a de Primo (posteriormente de Damasio) , o bar Novo na casa de Torreira, o de Antonio dos Martís, o de Ismael do Cabo, a taberna do Eiras e a de Feliciano. Hoxe só sobrevive a do Fraga. E a algarabía dos festivos na Feiranova xa fica arrecantada na memoria de moitos.
É xa un tópico referirse ao despoboamento. Aquí na Feiranova é facilmente perceptible e tamén o seu devalo comercial. Perdeu dous activos serradoiros de madeira, un autobús de liña regular, outro autobús de servizo discrecional, un taxi, unha panadería, un muíño eléctrico de tres moas e a maioría das explotacións gandeiras foron pechando as portas paulatinamente.
 Na actualidade, a campa feiral está reconvertida en praza axardinada con fonte pétrea, parque infantil, monolito de granito para honra dos insignes músicos da parroquia, etc. A maioría das casas que polo oeste miran á praza están construídas sobre antigos pendellos.
A celebración da feira neste lugar ten fácil explicación. Aquí cruzábanse dous importantes camiños reais: un viña da Ponte Carmoega e levaba dirección a Órrea, Val de Sangorza, A Baíña, Berredo; o segundo procedía de Santiago e despois de pasar as pontes Ledesma e Toiriz, sobre o Ulla e o Arnego respectivamente, ascendía por Brántega ata este lugar que veu a denominarse A Feiranova (quizais a feira vella sexa a de Agolada). Desde a Feiranova ascendía polo Candeiro ata o Valadoiro, seguía por Merlín, Vila Grande, Friufe, Marcelín ata Agolada. E eran estes camiños os que permitían e facilitaban o tránsito de mercadorías e facenda.
Agradezo a xentileza de Federico Méndez por facilitarme a fotografía que encabeza esta entrada.

1 comentario:

  1. Os tempos mudan, non sabemos se para ben ou para mal, pero está claro que a aldea, o lugar...desaparece, tamén é certo que as oportunidades que che da hoxe en día son mínimas.

    ResponderEliminar