26 de febreiro de 2016

BATALLAS CARLISTAS NA PONTE DOS CABALOS

Con relativa frecuencia recibo algún correo que vén a descubrirme aspectos novos sobre asuntos relacionados con Agolada ou anteriormente tratados neste blog. Sempre son motivo de alegría. Descubrir, coñecer, facer luz sobre episodios históricos que fican no esquecemento resulta certamente interesante.
Hai uns días púxose en contacto comigo Elixio Antonio Domarco Álvarez desde Vigo para reconstruír algúns momentos das guerras carlistas na Ponte dos Cabalos, ese mítico monumento arquitectónico-fluvial que clama por unha restauración fácil e necesaria.
1º Correo:
Ola Manuel, hoxe estiven con José Antonio F. Sucasas e falando, falando, comentoume o do teu blog.
A conversa veu a raíz das miñas preguntas interesándome pola zona.
Levo un tempo facendo unha investigación xenealóxica familiar e cheguei a San Cristovo de Borraxeiros, lugar en que se retirou o meu cuarto avó Juan Blázquez Rosillo, capitán do exército que procedía de Baza (Granada) e veu por mor das guerras carlistas no 1833 á Garda. A zona onde estivo en moitas ocasións foi polas terras do Deza onde operaban grupos carlistas. E aí rematou a súa vida. Está enterrado no adro da igrexa de S. Cristovo de Borraxeiros. 
Teño outro familiar que vive nos EE.UU. de América que procede de BRÁNTEGA. Estes son Casares Canal. E aí ando tirando de arquivos diocesanos e de protocolos notariais no Arquivo Histórico de Pontevedra (concretamente de Manuel Antonio Barral).

É por iso o meu interese na lectura do teu blog. Bueno, tamén pola bici. Eu son afeccionado a MTB, algo que vexo que compartimos.

Bueno, eso quería dicirche. Grazas por toda a información que aportas e non deixo a posibilidade de facerche  algunha que outra pregunta.
Un saúdo. 
Elixio Antonio Domarco Álvarez

2º Correo:
Estimado Manuel, estaba vendo no teu Blog a referencia á Ponte dos Cabalos, e non deixo de relacionalo coa actividade do meu cuarto avó, que estivo en operacións militares durante a guerra civil carlista.
Concretamente no seu expediente militar consta unha referencia á citada Ponte, onde ten un encontro co Cabecilla Villanueva:

Transcríbocha

"1837. En la anterior Columna [Columna Sotelo de Montes] y en la de Tui continuando en la activa persecución de facciosos, a las órdenes del T. C. Don Rafael de la Torre y mandando por sí una partida de 10 hombres, logró el 25 de Agosto batirse con la facción del Cabecilla Villanueba en el Puente de los Caballos dando muerte a dos y cogiéndoles varias armas y efectos".
Unha aperta. Continúo a ler as novas que vas engadindo desa zona.
Elixio Domarco

Unha das miñas respostas:
As guerras carlistas vese que tiveron un escenario moi frecuentado na Ponte dos Cabalos. Nesta entrada do Aquam Latam recollín un fragmento da Reseña histórica da comarca de Deza do mestre de Muimenta Francisco Vilariño:
http://aquamlatam.blogspot.com.es/2007/05/apresamento-de-tres-facciosos-no-muo-de.html
Dous anos antes do feito que ti citas aparece tamén a Ponte dos Cabalos presenciando un tiroteo entre realistas e carlistas.

3º Correo
Meu 4º avó veu desde Baza como che dixen destinado á Guarda, pero andaba nunha Compañía volante detrás das partidas Carlistas.
Eu acabei lendo o libro de Xosé Ramón Barreiro: "El Carlismo Gallego". No que me empapei de como funcionou aquela parte da nosa historia.
O que pon o libro de Barreiro, coincide con parte do expediente militar do meu familiar.
El estivo por esa zona en moitas actuacións, pero non sei aínda por que se retirou en Borraxeiros. Xa viúvo da miña cuarta avoa, casou en segundas nupcias, e quizais a súa muller era desa zona, non o sei aínda. O caso é que ese sitio é o que elixiu para rematar os seus días e descansar no adro da igrexa de S. Cristovo de Borraxeiros.
Eu aínda deixei flecos no Arquivo de Pontevedra. Aínda me han de aguantar alí uns cantos días máis.
Apertas e grazas polo teu interese.

4º Correo
Acabo de ler o enlace.
O meu cuarto avó estivo alí.
Documéntocho. Envíoche recorte do expediente e a transcripción.
Desde logo que casualidade...!
Apertas de novo

"1835. Continuó en Servicio de guarnición con su Cuerpo en Galicia, en la contínua persecución de facciosos, y en varios encuentros parciales, hallándose el 24 de agosto en la batida que se le dio a la facción del Cabecilla Guillade, fugado de Portugal causándole total dispersión con muerte de dos y cuatro prisioneros que fueron pasados por las armas, a las órdenes del Capitán de su Batallón Wenceslao Tizón."

Ningún comentario:

Publicar un comentario