13 de febreiro de 2016

MEMORIAS DUN VALOUTÉS (XII). SANTUARIOS E MISIÓNS

RELATO AUTOBIOGRÁFICO DE JOSÉ ANTONIO FERNÁNDEZ SUCASAS, ONDE NARRA AS VIVENCIAS DA SÚA INFANCIA E XUVENTUDE NA SÚA ALDEA NATAL: VILARIÑO (AGOLADA). 
Outro testemuño dos sentimentos relixiosos podía verse nos santuarios. Aínda que todas as parroquias tiñan o seu patrón coa correspondente festividade, non todos os patróns tiñan a mesma aceptación nin igual concorrencia o día da súa festa: tradicionalmente, a algunha festa relixiosa
acudían grandes masas de xente desde distintos lugares.
A cada santo atribuíaselle o ser avogado de algo, é dicir, defensor contra determinados males. Nos arredores de Vilariño os santuarios máis coñecidos eran os da Nosa Señora do Corpiño (Lalín) e A Nosa Señora do Rendal (Arzúa - A Coruña). Á primeira dábaselle poder na curación de enfermidades da mente, por iso contábase que peregrinaban alí persoas con algún familiar que supoñían endemoñado; a estes enfermos mantíñanos dentro da igrexa, ás veces pola forza, por iso era frecuente oílos berrar na misa.
A miña avoa, con todo, sentía maior devoción pola outra virxe, a do Rendal, onde ía todos os anos. Adoitaban saír a véspera pola mañá e camiñar ata ben entrada a tarde (había quen, cumprindo unha oferta, ata facía o traxecto descalzo). Na pequena aldea onde se achaba o santuario, os romeus tiñan que acomodarse para pasar a noite nun establo, no que  previamente o dono lles botara unha boa capa de palla. No día principal da festa volverían madrugar, para asistir a varias misas, sempre con actitude piadosa; moitos ofrecerían distintos donativos para a Igrexa: animais, candeas, así como diñeiro en efectivo, co encargo de que se celebrasen misas.

Fóra, un gran bulicio de xente de todas as idades: uns entraban no templo e outros saían, algúns  sentábanse a descansar, outros compraban algo do que se ofrecía, preferentemente rosquillas e outros comestibles, nos abundantes tenderetes; e despois do mediodía, cada un coa súa familia ou achegados, dispoñeríase a estender o mantel e comer de campo.

Á volta xa ninguén regresaba a pé, senón nuns vellos autobuses nos que non había posibilidade de acomodar a todos, polo que se permitía que algúns homes e nenos viaxasen montados no teito do autobús: eu tamén o fixen algunha vez xunto ao meu avó, viaxe que, malia a pouca velocidade e de que nos agarrabamos á barandilla de protección que levaban encima os autocares, resultaba perigoso.

O terceiro acto de tipo espiritual que merece destacarse é a Misión. Neste caso, o significado da palabra pode inducirnos a erro, pois non se trataba dunha acción encamiñada á conversión de infieis, senón dirixida a quen xa cumprían fielmente coas súas obrigacións relixiosas.
A misión era organizada na parroquia por unha ou varias familias que corrían cos gastos; o programa das distintas prácticas piadosas estaba dirixido por dous frades (xesuítas, franciscanos ou doutra orde). Polas mañás na igrexa rezábase o rosario, celebrábase a misa e un dos frades
predicaba brevemente. Polas tardes, tiña lugar o acto central, desenvolvido nunha arboreda, onde se congregaba unha multitude de persoas, moitas das cales viñeran desde lugares bastante afastados, para escoitar atentamente de boca dos frades senllos sermóns.
Falaban desde un púlpito de madeira, con voz potente; cando trataban cuestións trascendentais como a morte, as súas frases resoaban con máis forza e quedaban gravadas especialmente; o auditorio quedaba atónito, e, a miúdo, incluso a meditación resultaba traumática, porque non era fácil asimilar moitas das ideas que o predicador expoñía en ton amenazante.
Quedaba unha constancia externa da misión nunha cruz branca, de mármore, en que se gravaban as datas de celebración, e que se fixaba na fachada da igrexa; pero podíase constatar tamén que a procesión perduraba por dentro, e que varias pasaxes dos sermóns do frade repercutían no afianzamento das ideas e nas condutas relixiosas de moitos.
As imaxes que acompañan este artigo pertencen ao impagable legado que nos deixou o fotógrafo holandés Ton van Vliet  nos anos 1978, 1979 e 1980. Foron obtidas nos santuarios de O Faro e O Corpiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario