1 de febreiro de 2016

MEMORIAS DUN VALOUTÉS (XI)

RELATO AUTOBIOGRÁFICO DE JOSÉ ANTONIO FERNÁNDEZ SUCASAS, ONDE NARRA AS VIVENCIAS DA SÚA INFANCIA E XUVENTUDE NA SÚA ALDEA NATAL: VILARIÑO (AGOLADA). 
Neste lugar, a unidade de convivencia inmediatamente superior á familia era a parroquia. Esta palabra está relacionada con outra que aparecía como dominante no noso pensamento: párroco. E hai unha razón clarísima: en cada parroquia había un párroco que era o seu guía, o seu xefe, nun sentido amplo. O cura era o director espiritual e moral do grupo parroquial, pero tiña ademais un poder económico (soldo oficial, pagos dos feligreses por misas, enterros e outros servizos relixiosos, e esmolas recolleitas entre xente devota), cultural, xa que el e o mestre eran os únicos que
adoitaban ter unha carreira, de control político, posto que para moitos trámites era necesario un informe de boa conduta do clérigo. O párroco recibía un trato especial, tanto en calquera celebración como nos saúdos, utilizando fórmulas máis corteses do común, como quitar a gorra ou inclinar a cabeza e dicirlle: "Bos días teña vostede" ou "vostede o pase ben". Tíñaselle respecto, e ata certo medo a achegarse a el e falarlle como a outra persoa. Quizais, en xeral, eles tampouco se mostraban abertos e accesibles.
Os grandes actos de unidade da parroquia eran as celebracións relixiosas: a ordinaria, a misa dominical, e as extraordinarias, como as misas solemnes das festas patronais, o Precepto pascual, o Clamor, as Misións. Na misa dos domingos, de asistencia xeralizada, o cura na predicación aleccionaba e recriminaba aos feligreses, aprobando certas condutas como moralmente boas e tachando outras de viciosas, desordenadas, pecaminosas. De xeito evidente, a relixión baseábase máis nun conxunto de tabús e de vetos que en posturas realmente edificantes. Había un gran descoñecemento do ser humano e creo que ata do ser cristián. Os homes e as mulleres asistían á misa en lugares separados, estas na nave central, e aqueles nunha lateral, máis pequena, ou na tribuna.
Á saída os homes formaban corros no camiño, xunto ao adro, para charlar distendidamente sobre calquera asunto; as mulleres soían saír máis rápido. Este tempo era considerado como un momento de asueto, e tamén se aproveitaba para ler algún comunicado do Concello, que o pedáneo colocaba na cancelaa da entrada. Cando alguén ofrecía algún donativo para a Igrexa, que non fose diñeiro, ou sexa, un animal ou un produto da terra, un señor subía ao muro que rodeaba o adro mostrándoo no alto e a xente ía puxando; cando xa ninguén ofrecía un prezo máis alto, o subastador remataba: "tantas
pesetas á unha", "ás dúas", e "tantas pesetas ás tres".
Na dimensión espiritual, sobresaían, entre as cerimonias extraordinarias, o Clamor, as Misións e os Santuarios.
Vimos constatando en distintos capítulos destas Memorias as fondas crenzas relixiosas das xentes das parroquias rurais como Vilariño. Estas conviccións expresábanse mediante prácticas regulares (era raro que alguén quedase totalmente á marxe). Sinalamos que a misa era a celebración
fundamental, pero, xunto a esta, non podemos esquecer que todos os feligreses foran bautizados e fixeran a Primeira comuñón; confesábanse periodicamente: como mínimo unha vez ao ano, aínda que unha gran porcentaxe, sobre todo de mulleres e nenos, facíano máis ou menos cada mes. Tamén había un seguimiento bastante xeral do precepto pascual: confesión e comuñón anuais precedidas duns días de exercicios espirituais; o mesmo podiamos dicir dos actos de Semana Santa, e da observancia na Coresma das normas de xaxún e abstinencia impostas pola Igrexa.
Pero este relato do aspecto relixioso quedaría incompleto se non nos referísemos a outras celebracións nas que, aínda que non tomaban parte todos porque non eran consideradas de obrigado cumprimento por parte da Igrexa, si tiñan importancia dado que moitos fieis participaban coa maior devoción.

O Clamor presentábase, ao meu modo de ver, como a máis peculiar. En efecto, consistía, segundo nos apunta a súa etimoloxía (clamor, berro), nunha manifestación do pobo para pedir unha graza ao Todopoderoso. Para entendelo mellor é preciso empezar explicando que todas as parroquias estaban baixo a advocación dun santo: Vilariño tiña por patroa a Virxe, por iso nos documentos relixiosos, e ás veces noutros, recibía o nome de Santa María de Vilariño. E, por unha moi vella
tradición, estableceran un acordo cos de Bermés (parroquia do municipio de Lalín, cuxa patroa era tamén a Virxe) de ir en procesión con ambas imaxes para implorar un cambio no tempo cando este fose persistentemente malo. Se un ano chovía excesivamente, os de Bermés levarían en andas a súa imaxe ata Vilariño; se, pola contra, o problema era unha seca moi prolongada, serían os de Vilariño os que peregrinarían a Bermés para as correspondentes pregarias comunitarias.

A comitiva saía da parroquia correspondente e durante o percorrido, duns doce quilómetros, íanselle unindo xentes dos pobos polos que se pasaba;  turnábanse grupos de catro persoas para levar aos ombreiros a imaxe. Os veciños da parroquia anfitriona esperarían nas proximidades da igrexa; cando chegaba aquí a outra comitiva, os portadores de ambas imaxes irían achegando estas ata xuntalas, simulando un saúdo que simbolizaría tamén o das dúas comunidades que se unían en oración. As dúas efixies sagradas serían sacadas do templo en procesión durante nove domingos consecutivos a un campo das inmediaciones, onde os sacerdotes e os fieis farían as rogativas pedindo ou sol ou a choiva. O último día había un rito de despedida igual ao do recibimiento: parte dos presentes, en silencio e emocionados, non poderían reprimir as bágoas. Porque aquela era unha cerimonia de fonda fe popular. E o mesmo pobo contaba como, en moitas ocasións, o Clamor producira as grazas que se solicitaban.

(As fotografías en branco e negro son da autoría de Ton van Vliet. O neno de Primeira Comuñón é o autor deste relato e a imaxe é do seu arquivo. As do Clamor son de José Varela Vilariño e Alfonso Sucasas).

Ningún comentario:

Publicar un comentario