31 de marzo de 2016

MEMORIAS DUN VALOUTÉS (XIII)

RELATO AUTOBIOGRÁFICO DE JOSÉ ANTONIO FERNÁNDEZ SUCASAS, ONDE NARRA AS VIVENCIAS DA SÚA INFANCIA E XUVENTUDE NA SÚA ALDEA NATAL: VILARIÑO (AGOLADA). 
A escola era unha institución moi influínte na parroquia, aínda que menos que a Igrexa, porque soamente incluía directamente a un sector da poboación -poñamos a comprendida entre os cinco ou seis e os catorce anos, pero con desercións, abandonos prematuros e moitas faltas de asistencia-.
Dado que non existían outros medios, nese tempo, o que unha parroquia tivese un maior ou menor nivel cultural dependía en gran medida da preparación do mestre e do interese e da dedicación que este mostrase cara aos seus alumnos.
Escola de Vilariño en 1960. Mestre: D. Belisario, de Cadrón.
Os métodos de ensino que utilizaban non eran bos, pero os exalumnos e os pais adoitaban mostrarse agradecidos cara aos mestres e xustificaban a miúdo as súas actuacións baseadas nos castigos porque consideraban que o ensinar aos raparigos era un labor difícil. Aínda que se lles tiña certo respecto, non se adoitaba ver nos mestres a seres distintos nin distantes dos outros; é máis: moita xente acudía a eles para consultarlles problemas diversos.
Do mesmo xeito que no espiritual ou o cultural, había unión parroquial en asunto de diversións. O máis representativo disto serían as festas patronais, celebradas, invariablemente, o quince de agosto, a maior, e o dous de febreiro, a menor. Os veciños participaban en todos os actos, de modo
que, xa pasado o mediodía asistían, estreando quizás un traxe, á misa solemne, concelebrada por varios curas, e á procesión; a continuación toda a familia comía na casa, acompañada por outros amigos e familiares invitados -algúns destes poida que só se visen de festa en festa-; e tras esa comida opípara e relaxada, os festexos terminarían na xolda do campo da romaría, onde todos os veciños de Vilariño e doutras parroquias próximas, que tamén acudían á verbena, bailaban, tomaban unha copa ou -os máis pequenos- corricaban por entre as árbores. Os idilios xurdidos á beira dos carballos e bailando ao son duns cantos músicos darían orixe a moitos dos matrimonios dos vilariñeses.
E non se pode pasar por alto, para rematar, a parroquia como unidade económica na organización da venda de produtos como o leite -todas as mañás pasaba polas portas un leiteiro, porteando dous bidóns ó lombo dun cabalo-, ou asociándose para traballos colectivos como a malla.
A principal manifestación comercial era a feira de Agolada, onde se compraban e vendían becerros, vacas, leitóns, galiñas, roupas, comestibles…
Das liñas anteriores pode dicirse que a parroquia funcionaba como entidade socioeconómica. Non tiña, con todo, órganos oficiais de goberno, pois unicamente podiamos outorgar tal categoría ao pedáneo, a quen a xente non lle coñecía outra misión que a de delegado do Concello, encargado de colocar as notificacións oficiais os domingos na cancela do adro.
Ascendendo, a seguinte entidade sería o municipio. Comúnmente falábase sempre de concello, para designar o territorio e o goberno municipais, e distinguíanse as aldeas da capital, Agolada, á que se daba a categoría de pobo. Cando se vía a alguén, con roupa nova, subindo pola pista, adoitábaselle preguntar:
-Vas ao pobo?
Esta pregunta indicaba que na mente do paisano había a contraposición, fronte ás aldeas, dunha zona máis urbana, onde se ía non a facer un traballo como o habitual, de cultivar a terra, senón algunha operación comercial ou administrativa; víase ata como cun maior nivel de vida, con outro estatus social.
Ao pobo íase poucas veces, só cando había que facer algo concreto, porque ao campesiño non lle era posible deixar os seus quefaceres máis que algúns días. Tardábase preto dunha hora en percorrer os catro quilómetros de distancia, os tres primeiros pola pista ou por un carreiro que pasaba xunto á igrexa de Esperante, e o último, desde o lugar chamado O Penedo, pola estrada xeral.
Agolada era o primeiro peldaño administrativo, sé do Concello, do Xulgado, da “Hermandad de Labradores”. Pero os contactos entre os gobernantes destes organismos e os administrados eran escasos. Quen viviamos nas aldeas tiñamos unha vaga idea de que existían estes poderes, pero non sabiamos exactamente para que servía cada un, e ademais, cando alguén ía a Agolada por algún problema administrativo, raramente era para falar cun gobernante, senón máis ben para pagar un imposto ou arranxar algún papel no Xulgado.
Outro servizo ao que se acudía era o sanitario. A atención non podía ser boa porque había un médico para os máis de catro mil habitantes do municipio. Claro que só se ía ao médico en circunstancias graves, ás veces extremas. Alí estaba tamén o veterinario, cuxos servizos aínda se reclamaban menos, pois, dun lado, non se levaba ningún control regular do gando, e doutro, a xente consideraba normalmente máis eficaces os remedios caseiros ou a intervención dalgún veciño entendido. A farmacia estaba rexentada por un señor maior ao que todos coñecían como O Boticario. Era un home de experiencia, e dirixíanse a el non só para que lles despachara un medicamento, senón a que os orientase sobre que se lle debía administrar a un animal ou persoa, logo de explicarlle os síntomas da enfermidade. Tiña moita reputación.
A capital do municipio era tamén importante comercialmente. Nela comprábanse artigos necesarios para a casa: comestibles (aceite, azucre, pan de trigo e carne de vaca para o día da festa), teas, zapatos, ferramentas. O día da feira nos varios tenderetes instalados por fóra aumentaban as posibilidades de elección; este día xeralmente comprábanse zocos novos -o calzado que todos levabamos a diario- para algún da casa.
En canto ás comunicacións, en Agolada confluían as dúas principais liñas de autobuses: a Gómez
de Castro, que, con catro servizos diarios en cada sentido, uníanos con Lugo e Pontevedra e Vigo, e outra chamada Pereira, na que se podía viaxar ata Carballiño ou A Coruña. A primeira tiña fama de ser máis segura e puntual: moitos paisanos sabían a hora mirando cando pasaba o coche de Lugo das nove e media, ou o de Pontevedra das doce. Ademais destas dúas liñas regulares, un empresario chamado Meijide tiña autobuses de servizos discrecionais a feiras e festas.
Polo que se refire ao teléfono, en Agolada estaba a única centraliña, moi rudimentaria, desde a que, logo dunha espera de horas, e case con seguridade oíndo mal, era posible chamar a algún familiar. En todo caso, isto ocorría moi esporadicamente; a comunicación máis normal e segura nestes tempos era a postal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario