26 de xuño de 2016

A MELCHORA DE MELIDE (ROSQUILLEIRA NOS PENDELLOS DE AGOLADA)

En Agolada, coma no resto dos concellos, temos moitas cousas de interese. Pero, segundo o meu parecer, ningunha supera en atractivo aos Pendellos da feira, pois é noso referente máis singular. Por iso, con relativa frecuencia traio a este caderno algunha reseña sobre este espazo arquitectónico histórico e entrañable.
Durante a Mostra de Artesanía do ano 2005, foi María José de Panduriño (Casé), de Melide, quen me indicaba que na panadería da súa familia en Melide posuían unha foto da súa avoa Jesusa (A Melchora) vendendo melindres nos Pendellos de Agolada. Poucos meses tardei en aparecer pola panadería de Melide para "fusilar" con todos os permisos aquela imaxe enmarcada, aquel anaco de historia.
A imaxe é unha escena de feira co engadido dunha visita oficial de autoridades. Sobre o papel, escrito na marxe esquerda figura o ano 1956. Polo toldiño de lona que hai sobre o sombreiro do crego intúese que foi na feira de xullo ou na de agosto, cando era preciso tornar o sol. Ademais da señora Jesusa compoñen a escena o alcalde de entón, José Otero Fernández, portando unha copiña de vidro na man; o Gobernador Civil de Pontevedra catando unha rosquilla e, á dereita, o crego  D. Manuel Martínez (que daquela era párroco de Agolada e logo foi de Ventosa).
É a imaxe más antiga que posuímos dos Pendellos nun día de feira e con xente. Todo un documento que vén a enriquecer a memoria da feira de Agolada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario