22 de xullo de 2016

JESÚS FAÍLDE ORO CEDE O SEU ARQUIVO FOTOGRÁFICO AO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

O blog Aquam Latam tenme deparado tantas horas de traballo como satisfaccións. Tamén desgustos. Pero eses esquécense e ademais non veñen ao caso. Unha das enormes satisfaccións foi coñecer o arquivo fotográfico do meu paisano aqualatense Jesús Faílde Oro. Coas históricas fotografías como elemento de referencia, nos seis últimos anos fomos tecendo unha amizade sostida por correo electrónico e retroalimentada no blog Aquam Latam, do que el se converteu en fiel lector. Nalgún deses comunicados fixémonos promesa de coñecernos persoalmente. Iso sucedeu o pasado día 3 deste mesmo mes, e celebrámolo cun xantar compartido coas respectivas familias e con Jaime Varela Sieiro. 
 A historia dos pobos constrúese con moitas pequenas historias. A que vos pretendo transmitir nesta entrada comezou uns meses atrás e tivo onte un feliz desenlace. Xaime Varela Sieiro, compañeiro na Directiva do Colectivo Baluarte dos Pendellos e amigo de sempre, falaba comigo  do blog e das fotografías publicadas. Gaboume especialmente as de Jesús Faílde pola composición orixinal e pola arte innovadora que nelas advertía. Aproveitei para revisar con el todas as imaxes que Jesús me enviara. E nesta revisión xurdiu del a idea de promover a protección e custodia deste tesouro gráfico do noso común concello de orixe. Concordamos en que eu falaría con Jesús Faílde para propoñerlle esta idea e Xaime faría as xestións diante do Consello da Cultura Galega.
Jesús Faílde e familia sentíronse honrados e agasallados por esta proposta. A partir de aí, a mediación de Xaime e a dilixencia de Raquel Faílde Picallo (filla de Jesús Faílde) na elaboración dun dossier-arquivo foron definitivas para acudir ao Consello da Cultura Galega na tarde de onte.


Reunímonos con Marcelino Fernández Santiago (Xerente do Consello da Cultura Galega) e con Emilia García López. A nosa comitiva estaba formada por Jesús Faílde, Manolita Picallo (a súa dona), Raquel Faílde (filla), Xaime Varela Sieiro e eu.
Despois de visionar as imaxes e de comentalas unha a unha, Jesús Faílde Oro fixo cesión (previo acordo do formato) ao Consello da Cultura Galega do seu arquivo fotográfico (en formato dixital) para a súa custodia, preservación e divulgación.
No remate da reunión  preguntamos pola interesante posibilidade de que a Xunta de Galicia e outras administracións puidesen promover unha exposición itinerante co legado de Jesús Faílde. Houbo moita receptividade para a idea. Quedamos en iniciar xestións con varios entes. Quizais dentro de un ano en Agolada... O mellor epílogo para o meritorio labor fotográfico de Jesús Faílde Oro.

Rematada a reunión, aproveitamos para retratarnos coa catedral de fondo desde os balcóns do Pazo de Raxoi (sede do Consello da Cultura Galega). Arriba Jesús e a súa dona Manolita Picallo.
Esta fotografía quédanos para a memoria da entrañable amizade que nos xungue e da mutua obriga.
No blog Aquam Latam, hai unha etiqueta específica co título JESÚS FAÍLDE ORO. Aí poden verse as imaxes que fun publicando ao longo destes anos do arquivo deste comandante xubilado do Exército, que tivo como afección a fotografía desde o ano 1954. El coa súa cámara converteuse en
notario dunha época, especialmente da súa aldea natal (Friufe -Merlín- Agolada) e das poboacións do arredor (Santa Comba, Esperante, Agolada, As Trabancas...). As súas fotografías son hoxe un referente inestimable que moitas persoas sabemos valorar pola historia que atesouran e pola cualidade artística que amosou, desde os inicios, dunha técnica na que el foi un verdadeiro autodidacta.
Só me resta expresarlle publicamente as grazas a Xaime Varela Sieiro por esta excelente inciativa, pola idea e pola xestión ante o Consello da Cultura Galega.
As imaxes 4,6,,7 e 8 desta entrada foron tomadas por Raquel Faílde.

2 comentarios:

  1. Hai que recoñecerlle o seu gran valor a estes artistas autodidactas da fotografía e da etnografía.
    Noraboa para el e, por extensión, a Agolada e Galicia.

    ResponderEliminar
  2. E un gran acerto que o arquivo de Jesús Failde vaia o Consello da Cultura Galega.
    A sua obra equivale para Agolada o Arquivo Pacheco de Vigo ou o de Virxilio en Terra de Montes.
    Jesús Failde ten un talento natural para a fotografía.
    Merece unha gran exposición en Agolada e outra en Pontevedra.
    Gonzalo Barrio

    ResponderEliminar