19 de xullo de 2016

MEMORIAS DUN VALOUTÉS (XVI)

RELATO AUTOBIOGRÁFICO DE JOSÉ ANTONIO FERNÁNDEZ SUCASAS, ONDE NARRA AS VIVENCIAS DA SÚA INFANCIA E XUVENTUDE NA SÚA ALDEA NATAL: VILARIÑO (AGOLADA). 
Velaquí agora outro personaxe do mesmo lugar có anterior e cunha imaxinación desbordante.
O seu sistema de vida era pouco organizado e ata rutineiro. E a súa mente
enfrontábase á realidade desfigurándoa, recompoñéndoa nun mundo de ficción. É por isto polo que o tempo en que as tarefas agrícolas o deixaban libre dedicábao ao estudo, aos inventos de todo tipo e a divulgar os seus pensamentos.
Na súa mocidade estudou topografía, por correspondencia, segundo dicía, aínda que a distancia non lle impediu terminar os estudos con aproveitamento. O saber adquirido neste campo aplicábao na práctica medindo as leiras dos veciños que o chamaban para facer as partillas e intervindo tamén como subastador público.
Aconsellaba por igual aos mozos que aos vellos. Gustáballe poñer en apretos a calquera (sen amedrentarse porque este tivese carreira universitaria), facéndolle preguntas dos máis diversos asuntos: como redactar unha carta, cal sería a área dunha leira ou de que forma resolver un problema de matemáticas.
Era moi dado a falar de mulleres e sempre aleccionaba aos mozos expoñéndolles que, á hora de namorarse, moitos percorrían grandes distancias, esperando atopar excelentes mozas, sen darse conta de que, xeralmente, tíñanas moito máis preto, entre as mesmas veciñas, bastante máis interesantes. Preguntábase para que “dar tanta roda”, ou o que é o mesmo, que de nada servía ir tan lonxe e dar tantas voltas. No seu razoamento daba tres valores como fundamentais para elixir parella: a familia, as terras e a beleza. Conviña que proviñese dunha boa familia, con costumes relixiosos e boa conduta moral. Tanto como isto, habería que mirar que ambos pretendentes tivesen as súas terras próximas, para que o matrimonio significase tamén ampliación e concentración parcelaria. Quedaba logo a beleza física como cuestión non desprezable, pero moi secundaria: por riba, se atopásemos unha muller linda, mellor.
Un caso curioso revelaranos as súas aptitudes de experimentador. En certa ocasión había un velorio nunha aldea próxima, e os veciños, como era costume, acompañaban á familia do falecido. Pola noite facíase máis pesado quedarse, e por iso, dos poucos que o facían, algúns consumían o tempo dando unhas cabezadiñas, e outros, para non quedarse durmidos, charlaban ou ata poñían algunha nota de humor contando un chiste ou tomándose o pelo uns a outros. Pero velaquí que, pouco despois da medianoite, chegou o noso personaxe, que sacou o seu péndulo de radiestesista e afirmou que, entre outras cousas, podía predicir a saúde da xente, e que calquera que quixese podería comprobalo ao instante. A mozas que por alí estaban ríanse, pero, por ver que pasaba, decidiron probar. Ante a primeira que se ofreceu, concentrado, sumido en cavilacións, puxo o detector en marcha e asegurou:
-Perfecta. Ti estás completamente sa.
Seguido, púxose outra, e neste caso, a sentenza foi ben distinta:
-Ai, amiga miña, aínda que non o creas, ti estás moi doente. Agora non podo dicirche que mal padeces, pero a túa saúde non é boa. Vaite ao médico e que che faga unha revisión.
Todos se escacharraban de risa; felicitaban á “sa” e compadecíanse da que, naquela pública e improvisada consulta, fora declarada doente. Aquilo máis parecía unha verbena que un luctuoso velorio.
Polo mesmo método do péndulo, era capaz de chegar á casa de alguén e detectar un gran xacemento subterráneo de petróleo, así como determinar aproximadamente os litros que produciría. E se o interlocutor amosaba a súa extrañeza alegando que se iso fose verdade, xa o terían descuberto antes outros entendidos, el respondíalle que non se fiase dos expertos, pois el mesmo descubrira varios tesouros e notificouno ás autoridades, pero ninguén lle fixo caso, e se algún día caían na conta, xa sería tarde.

1 comentario:

  1. If you want your ex-girlfriend or ex-boyfriend to come crawling back to you on their knees (even if they're dating somebody else now) you have to watch this video
    right away...

    (VIDEO) Get your ex back with TEXT messages?

    ResponderEliminar