16 de outubro de 2016

A RESTAURACIÓN DOS PENDELLOS EN IMAXES (2004-2016)

 Todo proceso restaurador é complexo. Os Pendellos de Agolada forman un barrio que alberga as orixinais construcións da feira, necesitadas dunha total recuperación. A súa restauración está resultando unha tarefa ímproba non exenta de controversias. Todos os cidadáns levamos dentro un "arquitecto en potencia" e cadaquén ten a súa idea particular de como acometer as obras de restauración. Iso en si mesmo xa é unha grande conquista: antano había un importante sector da poboación partidario de arrasar todas as construcións e abrir rúas con solares. Afortunadamente iso conseguiuse frear. E como non existe ningunha restauración a gusto de todos, pois a Deputación de Pontevedra e a Consellería de Cultura (xusto a quen lles corresponde) adoptaron as decisións pertinentes: encargo a un equipo de arquitectos para a redacción do proxecto baixo a tutela e filtro do Instituto de Conservación e Restauración de Bens de Interese Cultural. E o resultado é o que ofrezo hoxe nalgunhas das moitas imaxes que iremos constrastando en sucesivas entradas.
Era mediados de 2004 cando un grupo de animosos aqualatenses nos organizamos para crear a Asociación Amigos dos Pendellos co elevado obxectivo de procurar mellor destino a este singular esapazo arquitectónico de feira. Nos primeiros de xuño daquel mesmo 2004, coa inestimable axuda da miña cámara Olympus 765-UZ, tomaba 147 imaxes  que quería que servisen de acta notarial do statu quo dos Pendellos. Hoxe, despois de varias fases no proceso de restauración, ofrécennos un clarificador contraste coas fotografías tomadas coa mesma cámara o pasado venres 14 de outubro, para apreciar as melloras conseguidas.










Na actualidade, despois de moitas vicisitudes (non todas positivas e agradables), o Colectivo Baluarte dos Pendellos, nacido cando xa Amigos dos Pendellos levaba tres anos extinguido e liquidado, enarbora de novo a bandeira reivindicativa da completa restauración do recinto. Sabemos das dificultades e porén, iso non nos desanima. A peor derrota é lamentar no futuro non telo intentado.

3 comentarios:

  1. Ola. Chámome Antonio e son estudante de arquitectura na Coruña. Vexo que nalgunhas partes o pavimento orixinal foi sustituído. Débese a algunha razón específica ou é sinxelamente estética? Un saúdo. En Agolada tedes unha xoia :)

    ResponderEliminar