3 de outubro de 2016

PENDELLOS DA FEIRANOVA (BRÁNTEGA)


Nada permanece inmutable. A vida é permanente cambio, evolución. Nese proceso evolutivo gañamos e perdemos en desigual balance. Co devir dos anos os espazos arquitectónicos de feira foron sucumbindo paulatinamente por diferentes razóns nas múltiples vilas e aldeas que posuíron campos de feira tradicional. Na actualidade, desde unha perspectiva que postula os valores patrimoniais, comprendemos que a conservación daqueles pendellos de feira tería sido interesante, buscándolles utilidade e novos usos. O derrubamento destas construcións populares, emblemas da arquitectura comunal, entendémolo como unha consecuencia da desaparición das feiras e a perda da función inmediata que representaban, mais considerámolo un feito desafortunado.
Entre as dúas fotografías deste artigo median arredor de 60 anos, os 60 últimos anos. Están tomadas case no mesmo lugar, cunha lixeira variación de ángulo. Recollen un recanto do campo da feira de A Feiranova (Brántega-Agolada). Os cambios son facilmente observables. Na primeira imaxe, fotografábanse varios membros da familia Sarandeses, xusto no punto onde se cruzaban os camiños principais, camiños cuxa orixe se remonta máis alá da Idade Media. Tras deles, un longo pendello-expositor da feira, que pouco despois de tomar esta imaxe foi derrubado. Pola traseira do pendello, nunha canella que mira ás casas, arrincaba o camiño que subía polo Candeiro cara a Merlín e Agolada. A fotografía, cedida moi amablemente por Agapito Sarandeses de Borraxeiros e a súa dona, María Paz Pazos de Berredo; vén a reconstruír ese fragmento da memoria que ningún pobo debería perder. Expresámoslles o noso público agradecemento por este regalo inesperado e tan prezado. Oxalá poidamos aínda rescatar máis fotografías dese noso pasado recente, na seguranza de que en máis domicilios se conservan tesouros parecidos.
Na fotografía de arriba distinguimos aos mestres D. Ulrico e Da. Maricruz, Da. Socorro (nai de D. Ulrico) e a avoa de Agapito Sarandeses.

Ningún comentario:

Publicar un comentario