21 de outubro de 2016

VINTE ANOS DUNHA MANIFESTACIÓN EN AGOLADA

En marzo de 1996  o panorama educativo vivía horas de incertidume. A EXB daba paso a Primaria e Secundaria e iso implicaba unha reorganización dos centros educativos. As vilas que tiñan certa entidade reclamaban que ademais de Infantil e Primaria tamén se impartise a Secundaria para non obrigar ao alumnado a longos desprazamentos cara outras vilas máis distantes.
Agolada manifestouse (un feito moi infrecuente) para demandar a ESO, que de inicio non lle fora concedida. Rodeiro, vila veciña, tiña unha poboación semellante e acadara un Centro Público Integrado. Iso considerouse un agravio comparativo. Despois da manifestación e coas xestións políticas que de seguro que se fixeron, Agolada conseguía que o Primeiro Ciclo de Secundaria permanecese no Colexio da vila, de maneira provisional.
Agora, analizado na distancia dos 20 anos transcorridos, só se me ocorre pensar que os froitos colleitados quizais non fosen proporcionados ao esforzo realizado, pois xa hai preto de dez anos que o Primeiro Ciclo da ESO se imparte en Lalín para os alumnos de Agolada. E o devalo escolar non só afecta á Secundaria senón que tamén merma notoriamente o alumnado de Primaria.
Pero, a principal reflexión que me inspiran as imaxes da hemeroteca é un lamento pola constatación do declive demográfico aqualatense. Na actualidade é difícil chegar a congregar tanta xente como a que se observa nas imaxes. E sempre me xurden  preguntas: por que nos extinguimos? Que estamos a facer indebidamente para non dar atallado a sangría poboacional actual? Por que non nacen máis nenos? Que podemos facer os cidadáns? Que deben facer os políticos (locais e autonómicos)?
A visión destas imaxes só me inspira nostalxia,  impotencia e pena. Dóeme ver como a vila que acolleu a miña nenez languidece e esmorece, dóeme o estoicismo e a inacción dos que deberían ser os líderes que reconducisen a situación. E dóeme que por moito que eu escriba e por máis literatura que lle poña, consiga sequera axudar unha miguiña a evitar este suicidio colectivo.

1 comentario: