30 de novembro de 2016

A RIBADULLA ASOLAGADA

 A Coruña e Pontevedra. Santiso e Agolada. Ribadulla e Agra. Son terras que rega o Ulla e que se miran fite a fite desde que a oroxénese as enxendrou. A raza humana, esa especie tan inqueda que todo o muda e transforma, quixo lavarlle a faciana a estas terras de interior bañadas polo Ulla. Naquelas ribeiras pastoreaban, moían, pescaban, vivían. Pero nesa procura insaciable de enerxía eléctrica, xurdiu a principios dos anos 60 do pasado século a idea de construír o encoro de Portodemouros. E así as terras ribeireñas do Ulla de Vila de Cruces, Arzúa, Santiso e Agolada sufriron o asolagamento dunha parte dos seus vales. Medrou a auga e apareceu un mar interior. Brocos e Ribadulla viron as súas aldeas mutiladas e inundadas. Todo cambiou. As aldeas sufriron a extirpación brutal das vivendas, as igrexas, os cemiterios, os eidos. E a auga engordou para crear incomunicación. O tempo cura todo, pero naqueles primeiros anos abundaron os sentimentos afogados.
A través destas imaxes, conseguidas no CDIX, quero recuperar a fisionomía do que perdemos. Na foto de 1956, do voo americano, aínda vemos a Ribadulla vella, a ponte, os muíños do Beseña, os muíños de Emilio Fociños (Emilio de Agra), a presa do muíño e a tosta Ulla arriba, o val, a igrexa, o cemiterio de Ribadulla...


A última tarde do ano 2007, cando Portodemouros estiñaba, andei na procura destas imaxes que nos reconciliasen co pasado. Para recuperar a memoria do que foi e alongala cara a posteridade.

Rodeando a igrexa de Ribadulla estaba o cemiterio. Os defuntos ou as súas cinzas foron trasladados ao cemiterio novo, pero quedou un nicho feito de formigón. Aí está, aínda podrecendo baixo a auga. Da igrexa, só una leve sombra de cascallos. 


Eis a terra regañada, erma, sedenta.
Só os que naceron nestas aldeas saben ben o que é a nostalxia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario