9 de decembro de 2016

A PONTEVELLA (CARMOEGA)

Con reiterada frecuencia comprobo como a toponimia e a microtoponimia aportan datos de interese para reconstruír o pasado e tecer a historia que o tempo se encargou de borrar. Na parroquia agoladesa de Carmoega temos un microtopónimo co que designamos unha fincas de monte, situadas a carón do río Arnego. Chamámoslle a Pontevella. Mais poucos son os que lembran a ponte neste lugar. Si que escoitamos falar dela e mesmo nos sinalan o lugar no que se encontraba. Nunha observación atenta a carón do río mesmo se poden intuír vagamente algúns amoreamentos de pedra dos antigos peares. Hoxe, felizmente, as imaxes tomadas polo exército americano no 1956 permítennos recuperar o aspecto do que nunca puidemos ver ata o de agora.
Pontevella (Ponte Vella). Se se lle chamou Vella era porque había outra máis recente. Non sei desde cando se denomina así o lugar. Carmoega tivo outras dúas pontes antes da data de 1956: a medieval do ano 817 e a construída no 1931 cando era alcalde do concello de Agolada, Primo Castro. Se se compara coa de 1931 (esta sería a Ponte Nova) ten sentido chamarlle á outra a Pontevella. Mais se se compara coa preexistente a 1931 (entendo que tería que ser a medieval) é difícil supoñer que fose anterior a esta. Queda aí a dúbida, xa que non teño elementos para poder resolvela. O que si acado a comprender é para qué se construíu: comunicaba directamente Santandré con Castro, A Igrexa, As Torres, O Casal e o Fondo de Brántega (aldeas da parroquia de Brántega). Só así tería sentido. E loxicamente tamén permitiría acceder a fincas da outra banda do río e o máis importante, acurtaba a distancia á igrexa parroquial, á escola, etc. en algo máis de 600 metros se se compara coa distancia que hai que percorrer pasando pola ponte de 1931.
A ponte cos seus peares de pedra e plataforma de trabes de madeira desapareceu, seica por mor dunha enchente e quizais porque a plataforma non acadaba unha importante altura sobre o río. Dela xa só nos quedan a memoria, o microtopónimo da zona e estas fotos americanas.
(A liña de asteriscos azuis da foto superior está indicando o camiño que ía desde Santandré a Brántega)


Ningún comentario:

Publicar un comentario