30 de decembro de 2016

MEMORIAS DUN VALOUTÉS (XVII): DAVID DE NEGRO DE VILARIÑO

RELATO AUTOBIOGRÁFICO DE JOSÉ ANTONIO FERNÁNDEZ SUCASAS, ONDE NARRA AS VIVENCIAS DA SÚA INFANCIA E XUVENTUDE NA SÚA ALDEA NATAL: VILARIÑO (AGOLADA). 

Para concluír con esta exposición de "valouteses notables", imos presentar a un radicalmente distinto, cuxa característica máis importante sería o humanismo.
A súa popularidade viña precisamente de ser un home de moitas e brillantes ideas, pero tamén de moito realismo, con solucións extraordinariamente eficaces en case todos os campos. Moi sabio e moi humano. Era David de Negro de Vilariño.
Era frecuente no pobo oír a calquera veciño que reclamaba a súa presenza cando se atopaba nunha situación difícil. Cunha actitude animada e optimista, prestaba sempre axuda desinteresada a quen lla solicitase. Era forte física e psiquicamente; sabía facer case de todo, e non lle daba medo enfrontarse a calquera problema por difícil que puidese parecer. Ás veces, impulsado pola súa valentía, afrontaba grandes riscos, meténdose co tractor en lugares case inaccesibles, con perigo de envorcar, ou levando ao lombo un peso que case ninguén se atrevía a cargar.
Raramente fracasaba: a súa tenacidade levábao a saír case sempre airoso e a conseguir o que se propoñía. Non se daba nunca por vencido, e ata transmitía o seu brío e empuxe aos que estaban traballando ao seu carón. Non desfalecía á hora de aplicar unha cura de urxencia a un accidentado ou trasladalo rapidamente ao hospital. Se collía unha máquina estropeada, cando xa os mecánicos desistiran de arranxala, el furgaba ata botala andar.
Era tremendamente sufrido: se se golpeaba traballando, parecía coma se non sentise a dor, non se queixaba e seguía adiante con toda a coraxe ata acabar. Daba a impresión de que non tiña mágoa do seu corpo, e, dende logo, antepoñía o ben que puidese facer aos demais ao dano que el mesmo puidese sufrir. Aplicaríaselle con xustiza aquilo de que facía ben ata sen pedirllo e non miraba a quen: en calquera traballo agrícola axudaba rendendo como o que máis; onde houbese un enfermo, alí se presentaba para colaborar e aconsellar.
Tiña fama de teimudo. Cando se lle metía unha cousa na cabeza insistía unha e outra vez nos seus razoamentos, sen admitir a razón do contrario. Gustáballe discutir con todo o seu xenio, buscando incluso os temas máis polémicos: a orixe do home, as reformas na agricultura, a política, a economía, a medicina... E exemplificaba os debates con experiencias súas ou historias que el coñecía. A súa gran virtude neste terreo era que nunca se enfadaba nin gardaba rancor a ninguén; aínda que expuxese as súas razóns coa maior enerxía para convencer ao outro, terminada a discusión, acababa todo, e outro día argumentaba de novo isto ou o outro para defender o mesmo caso.
Como case todos os seus conveciños, era, principalmente, labrador, pero tiña moitas outras facetas. Posuía coñecementos de medicina, tanto como curandeiro recomendado infusións ou aplicando ungüentos que el mesmo compoñía como no que podemos denominar medicina tradicional utilizando fármacos. En tempos en que apenas había médicos no medio rural, a xente recorría a el para que lles dese o seu parecer ante unha persoa que se puxo doente, e, sen meterse en profundidades, suxería algún medicamento e unhas normas (gardar cama, non tomar determinados alimentos, etc.). Era un excelente enfermeiro, e ademais de poñer con inmellorable técnica as inxeccións ou facer con inigualable tacto as curas dalgunha ferida, trataba aos enfermos con enorme sensibilidade, polo que lles infundía unha confianza moi grande. Especializouse en enfermidades da pel, algunhas particularmente latosas. Con métodos e produtos da súa propia colleita, curou a moita xente. O seu saber estendíase tamén ao terreo da veterinaria, e por iso o reclamaban tanto para que lles dese un remedio para un porco como para que axudase a unha vaca nun parto difícil, por exemplo.
Na mecánica, outra das súas especialidades, non era menos habilidoso. E ata prefería as máquinas vellas, porque gozaba destripándoas, examinando todos os mecanismos e conseguindo poñer en marcha vellos trastos que, normalmente, aos mecánicos non lles interesaba arranxar, ou non eran capaces. Así poñía a proba o seu enxeño, e se había outras persoas con el dáballes explicacións, discutía con eles, e facíalles ver que era posible o arranxo.
O seu currículo de saberes era máis extenso. Manexaba o coche cando na aldea case ninguén sabía facelo, o tractor e outras máquinas agrícolas; nadaba con soltura; xogaba ás cartas ou ao dominó; era na zona uno dos expertos pescando troitas ou cazando; recorrían a el para labores de apicultura, vinícolas, de ferrería...
Era de talante conservador, amante das tradicións, respetuoso coas crenzas dos antepasados; pero, ao mesmo tempo, mostrábase orixinal e creativo; buscaba solucións novas aos problemas, e si, por exemplo, no mercado non se atopaba unha peza de recambio, el mesmo fabricaba outra equivalente, coa que a máquina podía funcionar. Do mesmo xeito, ideaba artefactos, como apeiros para enganchar ao tractor: arados para o millo ou pequenos guindastres para elevar troncos. Era, en definitiva, un verdadeiro artista. Un gran home.
(A fotografía é da autoría de Ton van Vliet).

1 comentario:

  1. Sempre hai persoas admirables que merecen unhas palabras e lembranzas.
    Alédome de que colleses un ritmo de publicación.

    ResponderEliminar