10 de febreiro de 2017

AS PONTES DE POZO NEGRO

O río Asneiro nútrese nas fontes da Pena de Francia e nos mananciais de Rebordecovo (Dozón), descende mainamente polas parroquias de Dozón, Parada e O Sisto. Chega a Pozo Negro, onde despide as terras de Dozón, cun caudal aprezable. Pozo Negro é secularmente lugar de paso. Tres pontes aínda permiten actualmente vadear o río. A menos transitada e coñecida é a da imaxe superior. En ningún lugar conseguín datala, pero apunta reminiscencias medievais. En calquera caso é unha ponte antiga, asentada na banda de Lalín sobre unha pronunciada rocha e confírelle á paraxe un indubidable interese e encanto.
Nos mapas que ofrezo a continuación (do IXG da Xunta) poden advertise e compararse os cambios nas vías de comunicación nos últimos 60 anos. Sobre os mapas aparecen numerados e situados os puntos de interese desta zona:

O río Asneiro forma un val encaixado en Pozo Negro. As ribeiras aparecen engalanadas por un denso e fermoso bosque de galería. A zona reúne unhas condicións naturais de excelencia con bastante biodiversidade, mais lamentamos que teña sido bastante maltratada pola acción humana (vertedoiro de lixo, escombreira, contaminación das augas...).
Baixo estas liñas a ponte construída en 1864, cando se acometeu a primeira estrada entre Ourense e Santiago. Esta ponte era lugar de paso obrigado ata ben entrados os anos 70.
Viaducto de formigón construído nos anos 70, dentro do Plan Redia, para dar paso á moderna N-525.
Tosta que eleva o caudal para dar servizo a un muíño. Na actualidade este pequeno encoro serve de lugar de captación para a unha das estacións de bombeo de Lalín.
Alvariza na banda dereita do río, moi próxima á estrada N-525. A súa existencia testemuña a presenza de osos nesta zona en épocas pretéritas. No mapa de 1956, sinalada co número 5, parece advertirse unha segunda alvariza, que tería sido destruída para dar paso á estrada N-525 (é só un apuntamento especulativo, á vista do que ofrece a vista aérea).
Nesta zona hai varios muíños fariñeiros. O da imaxe, co número 3, encóntrase no fondo dos prados do Sisto. Aquí o río, despois dun curto percorrido desde o seu nacemento, ofrece un aspecto preocupante, pois as augas ao bater nos meandros forma unha escuma que apunta a unha certa contaminación. Por parte de quen coresponda, cabería remediar isto. A auga doce limpa e transparente pronto se converterá nun ben escaso. Daquela aprenderemos a aprezala.
Nos mapas sinalamos co número 7 outro importante muíño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario