25 de febreiro de 2017

FOTOGRAMAS DOS PENDELLOS DE AGOLADA, DOCUMENTAL DE TVE, 1984


A recepción deste documental vén a satisfacer unha busca frustrada no ano 2004. Naquel momento non soubemos dar os datos suficientes para a súa localización, a pesar do estimable interese do xefe de servicios informativos de TVE Galicia, José Luis García Labandeira, a quen lle agradecemos a súa colaboración e o ternos facilitado outras imaxes máis antigas do mesmo recinto.
Os 37 anos de perspectiva destas imaxes apórtannos moita información, alimenta os nosos recordos, suscita certa nostalxia, especialmente ao ver a xente que xa morreu, e reafírmanos na idea que desde hai anos anima o noso traballo na procura da completa restauración deste antigo recinto de feira, mellor dito, do que queda del. 
 Tellados arrombados, tellas escachadas, canellas de lixo. Ese era o estado de completo abandono en 1984. Aínda así motivou o interese e o lamento dos reporteiros da TVE. Xa eles viron que isto debería restaurarse para seguir coa feira no seu interior.
Agora, co documental facilmente localizable, teremos que conseguir unha copia con imaxes de calidade para nun futuro, que desexamos próximo, poder amosalo no proxectado Centro Expositivo das Feiras. 




Daquela aínda estabamos lonxe de coñecer a importancia destas pedras.
Pero, os Pendellos sempre foron un lugar entrañable. Causaba pena e impotencia velos caídos. Todos eles eran  propiedade privada e o Concello, sen recursos e sen interese, carecía tamén de expectativas para eles.
Tellado do pendello-expositor diante da casa de Licerio. O mostrador xa fora substituído por unha beirarrúa de cemento.




Todas estas imaxes, ademais de servirnos de documento, hannos permitir recuperar determinados espazos con maior fidelidade.

Feira dos queixos, cando xa caera o edificio que albergaba este mercadiño.
Con bigote, o capador de San Cristovo (O Az - Rodeiro) catando a calidade dos queixos.
De fronte, en primeiro plano, David Galego Pillado (O Pillado de Esperante), entre a feira dos repolos e o mercado dos queixos. (Con agarimo para os seus fillos e netos).

1 comentario:

  1. Solo puedo mostrar satisfacción vendo cómo los "PENDELLOS" fueron restaurados bastante rigor según se ve en las fotos publicadas anteriormente.

    ResponderEliminar