7 de marzo de 2017

AGOLADA TEN AUDITORIO

Podería comezar esta crónica dunha maneira sinxela, cunha soa imaxe do recén acabado auditorio que imos estrear axiña os veciños de Agolada. Pero, como a obra ten a súa historia e a súa envegadura, creo que é merecente de maior atención.
Podemos comezar esta historia cunha imaxe aérea de Agolada de 1956. Para situarnos no contexto da vila actual. E para observar o solar (sinalado cun asterisco azul na foto) onde primeiro se construíu o cuartel da Garda Civil, arredor de 1960, e onde na actualidade se erixiu o edificio do auditorio. En 1956, o solar formaba parte do campo da feira das vacas.
Na seguinte imaxe aérea, do ano 2002, advírtese a evolución e progreso da vila nos 46 anos transcorridos. E tamén sinalado co asterisco azul o edificio do cuartel. 
 Ano 2008, vemos xa derrubado o cuartel e no seu lugar aparecen os alicerces e a soleira do actual auditorio.
 Imaxe aérea do 2014, xa pode observarse o edificio do auditorio rematado na súa estrutura exterior.
 A continuación ofrecemos a imaxe que a empresa madrileña  "Paisajes Españoles" tomara en 1973. Na esquina superior esquerda da foto vemos aínda activo o cuartel da Garda Civil. O edificio contaba con dous pavillóns de dous andares, paralelos e con catro vivendas cada un. Na fachada principal, un pavillón de planta baixa albergaba a porta, as oficinas, o cabozo e o posto de garda. Este pavillón servía de unión aos edificios das vivendas. Ademais contaba cun patio central e algúns garaxes na parte traseira do patio, formando unha mazá pechada en si mesma.
A mediados dos anos 80, o ministerio de Defensa emprendeu unha reestruturación dos cuarteis e o de Agolada tivo que pechar, non sen que o vecindario expresase a súa disconformidade, mesmo con manifestacións de forza (cortar a estrada principal con barricadas de lume). Visto na distancia dos anos, quizais tan exacerbado como ineficaz. E co cuartel fóronse as oito familias que o habitaban. Outro elemento que sumou no declive poboacional. Unha vila perde servizos e cos servizos tamén perde poboación ou viceversa.
 Nestas dúas imaxes vemos xa o cuartel moi deteriorado despois de 20 anos de abandono sen que Defensa o cedese nin lle buscase outro destino. O Ministerio terminaría finalmente cedéndoo ao Concello. A primeira idea do Concello foi dedicalo a vivendas de emerxencia social. Para o auditorio tiñan escollido o solar do mercadiño dos queixos, no entorno dos Pendellos. A orientación de varios profesionais e as peticións de varios sectores terminaron por decantar o auditorio cara a este solar.
No ano 2008 derrubouse o vello cuartel e iniciáronse as obras do auditorio, por fases. 
Aos veciños deunos tempo de ir analizando a evolución da obra ao ritmo dos cartos que empezaron a escasear nos anos da crise.
Co exterior xa rematado, houbo que esperar varios anos ata completalo no seu interior.
Na seguinte fotografía podemos ver ao fondo o costado do escenario do auditorio. A pantalla do edificio érguese sobre as edificacións circundantes e o impacto visual é unha obviedade.
En primeiro plano podemos observar o solar a herba, que linda co enlousado desta rúa: Era o incialmente escollido para auditorio.
 
Aquí vemos o auditorio nunha imaxe de onte. Non o vin rematado por dentro. Véndoo por fóra paréceme funcional e resolto cos materiais que se adoitan usar noutras obras semellantes. Eu non vou xulgar as solucións técnicas, porque nin sei nin son quen. Pero si me vou permitir unha observación retórica: con menos altura había de lucir bastante máis, e sobre todo, diminuiría o impacto visual na contorna.
E xa postos en materia, formular un desexo: que se lle dea moito uso con concertos, obras de teatro, conferencias, mitins, actuacións varias... e que o Concello e o vecindario saibamos coidar e respectar estas instalacións que tantos cartos e tantos anos de espera nos custaron.

1 comentario: