10 de abril de 2017

LINGUAXE DA PEDRA EN CRISTÍN (BORRAXEIROS)

 Cristín é unha das aldeas da parroquia de Borraxeiros. Debe o seu topónimo a un nome de persoa, o equivalente en masculino ao nome de muller Cristina. É polo tanto un antropónimo e indicaría o nome do primeiro colono ou posesor destas terras, que antigamente se grafiaría "Cristinus" (vila Cristinii). Cóntanme os veciños que coa excepción dunha casa, todas as demais están habitadas. Se ben a aldea tamén perdeu poboación.
A aldea ocupa un terreo ben situado, ben orientado ao mediodía e resgardado dos fríos invernais. Recibe o aporte líquido do rego de Couso.
Nunha recente visita ao lugar volvín visitar o muíño que está a carón da estradiña que vai á Ermida. Sorprende a súa arquitectura íntegra en pedra, incluído o tellado. Agradaríanos moito velo un algo máis coidado, aínda que entendemos o seu estado como unha consecuencia lóxica pola falla de uso.
 No fondo da aldea hai unha casa cun certo aire fidalgo, que me contan que no pasado pertenceu a un crego. Nela salientan os altorrelevos da imaxe anterior e a epigrafía do lintel da porta principal (abaixo).

Mesmo enfronte da casa anterior, nunha construción semiderruída albisquei este fragmento de muíño castrexo (feito que teño observado en varias construcións doutros lugares). Desde este lugar os castros inmediatos son os de Borraxeiros e o de Lagares (A Ermida), ambos os dous a unha distancia que ronda os 2 Kms.

Pero a alegría e sorpresa desa visita vespertina foi dar con este hórreo con corredor e celeiro. Estiven ducias de veces en Cristín e nunca me deran os ollos nel, porque está bastante oculto polas construcións circundantes. No primeiro vistazo pensei que se trataría dunha hórrea, pero ao velo desde a eira de Fina, ben lastrada de perpiaños, apareceu o hórreo co seu corredor. O corredor cumpriría coa función de servir de secadeiro de legumes varias. E na parte baixa unha porta comunica a eira co celeiro (alamacén provisional do grao mentres non se limpa e se leva ás huchas).
Desta maneira advertirase facilmente por que titulo esta entrada como linguaxe da pedra. Porque neste material está escrita a historia sinxela da aldea. Outro día hei traer aquí tamén un elemento arquitectónico desta aldea, que nunca antes observara.

Ningún comentario:

Publicar un comentario