25 de xuño de 2017

EQUIPO DE FÚTBOL DE MOIMENTA, VISITANTE EN AGOLADA


Non hai moito tempo, un lector desta páxina indicábame que eu vivía demasiado pendente do pasado e que tratase no blog temas de máis actualidade. Admito e comprendo o seu consello. E debo dicir que me gustan ambos enfoques. E que non me paro a pensar que temas poño en cada prato da balanza. Sinxelamente escribo sobre aquilo que en cada momento me motiva. Porque todo blog debe ser un caderno de apuntamentos ao chou, un recopilatorio das inquedanzas persoais.
Outras veces, e tamén recentemente, adquirín o compromiso de difundir arquivos fotograficos que me foron confiados e creo que con iso, máis que recrearme no pasado, axudo a recuperar e fixar esa memoria de pobo rural, alegre, animoso e emprendedor que foi Agolada no século XX, e de cuxa segunda metade me sinto partícipe. Con fotografías como a que hoxe acompaña esta entrada reconciliámonos con ese pasado e cos indubidables valores que posuía.
Na imaxe, de Manuel Galego Iglesias, o equipo S. Lourenzo de Moimenta (Lalín), retrátase uniformado na rúa rincipal de Agolada. Temos a impresión que puido ser antes do partido, pois a vestimenta semella impoluta. Detrás deles, a furgoneta que os achegou a Agolada.
A fotografía non só recolle ao equipo, nela tamén podemos ver o incipiente urbanismo de Agolada, as características dos escasos vehículos...
Haberá quen queira poñerlle nomes aos integrantes do equipo. Como pista indicamos que a imaxe é do período 1962-64.

2 comentarios:

  1. Pois eu estou de acordó con que publiques fotos antigas. Todo é pasado e, por exemplo, isto que acabo de escribir xa se perdeu no tempo.
    O tempo dálle valor a todo.

    ResponderEliminar