5 de xuño de 2017

UN MILIARIO ROMANO NOS PENDELLOS DE AGOLADA

Os Pendellos son o gran referente de Agolada, un Ben de Interese Cultural que nos últimos anos gañou en coñecemento e difusión. Sabemos do seu encanto, do atractivo da súa arquitectura humilde e que constitúen, sen dúbida, o mellor símbolo da identidade desta vila. E ademais de todo iso, aínda nos segue a deparar sorpresas agradables, pois recentemente fixemos a descuberta dun novo vestixio arqueolóxico que lle engade interese e valor ao antigo mercado.
A construción dos Pendellos de Agolada iniciouse no ano 1788. A pedra gra foi o material máis lóxico para a súa erección, xa que o subsolo de Agolada é rico en granito e a súa extracción é tarefa sinxela. Lousas e chantos circularon desde os outeiros de Coteimil e Campo de Xastre ata a campa feiral  sita onde os antigos camiños se cruzaban. Coa sinxela técnica da pedra en seco foron nacendo casetas, expositores e comedores. Tamén se ergueu a capela das Virtudes. Ata conquerir un espazo arquitectónico adaptado ás necesidades da feira.  Un mercado paradigma de pragmatismo e harmonía construtiva baseada na sapiencia popular.
Para os pendellos expositores talláronse esteos longos, arrincados directamente da rocha nai coas directrices das cuñas. Chantáronse os esteos nos mostradores para soportar os tellados pendurados e crear contrastes de luces e sombras a xeito de pavillóns porticados. Pero, de entre todos estes esteos, un desentoa dos demais. Non é produto das cuñas, senón resultado cicelado en cilíndrica feitura. Estivo alí para chamar a atención das miradas curiosas e para suscitar a pregunta da súa diferenza. Durante séculos foi testemuña muda e ninguén acertou a reparar o seu ostracismo histórico.  O enigma vén de resolverse: o esteo é unha columna miliaria de orixe romana.  Un marco pétreo dos que usaban os romanos para balizar as pretéritas vías que  aquí se transitaron:  Via XIX e Vía Dactonium-Aquis Celenis con nó vertebrador en Agolada dos camiños.
Que razón tiñan os ancestros que  nos aleccionaban coa cantinela de: Agolada, importante encrucillada desde antigo!

A ROMANIZACIÓN DO NOROESTE DA PENÍNSULA IBÉRICA

Soe  tomarse como incio da consquista do noroeste peninsular polos romanos o ano 137 a.C., coa chegada de Decio Xunio Bruto. A este momento corresponde o lendario episodio do paso do río do Esquecemento, o Limia. Entre o 29 e o 19 a.C., Augusto culmina a conquista. Os romanos empezan a asentarse militarmente no territorio coa construción de campamentos, obrigando aos habitantes dos castros a abandonalos e a establecerse nos vales que é cando aparecen as villae ligadas ás explotacións agrícolas. No século I d.C. Galicia forma parte da provincia Tarraconensis onde permanece ata o ano 212 en que o emperador Diocleciano lle outorga a categoría de provincia. No ano 303 convértese na provincia da Gallaecia, dividida en tres conventos xurídicos (termo administrativo inferior á provincia): Lucus Augusti (Lugo), Asturica Augusti (Astorga) e Bracara Augusti (Braga). O proceso da romanización tivo un dos seus fundamentos na apertura ou consolidación dunha extensa rede viaria que asegurase o dominio e control do territorio.

A PRESENZA ROMANA EN AGOLADA

O territorio aqualatense non foi alleo a este proceso de conquista e romanización. A ausencia de referencias documentais obríganos a apelar como únicos testemuños da presenza dos romanos nestas terras aos vestixios arqueolóxicos que coñecemos.
Na parroquia de Ferreiroa apareceron unha placa funeraria e unha estela votiva, que se conservan na actualidade no Museo de Pontevedra:

Esta imaxe corresponde a unha placa funeraria de granito. Está rota por arriba e por abaixo. Moi probablemente tivese un remate triangular na parte superior. Conserva escotaduras no arrinque. O campo epigráfico está delimitado por unha liña.
A interpretación do texto, segundo apunta Gemma Baños Rodríguez, é a seguinte:
D(is) M(anibus) s(acrum)
Vitalis
an(norum) XXXV
Traducido sería: Aos deuses Manes. Vitalis 35
Ten unhas medidas de 47 x 56 x 8,5 cms.


Esta segunda pedra corresponde a unha ara ou estela votiva de granito de pouca calidade. Na
parte superior presenta un remate triangular roto e tamén un burato feito con posterioridade. Na fronte aparece unha moldura con acróteras aos lados e un espazo semicircular rebaixado. Na liña 1 o texto adáptase á decoración e as letras son máis pequenas cara o centro da liña. Contra abaixo faise máis ancha e grosa. Aos lados está alisada. Pola parte de atrás está desbastada e algo alisada. Na parte de abaixo aparece rota.
O texto responde aos seguintes caracteres:
CMMA
DMASPUS
DIÛMAS?
VOVVUS?
Na primeira liña podería referirse ao nome do dedicante, expresado dun xeito abreviado C(---) M(---)Ma(---), despois o nome da divinidade, que podería ser máis dunha ou ter o nome con dous elementos (o nome podería acabar en VO na cuarta liña, seguido dun signo en forma de U). Ao final aparecería a fórmula votiva V(otum) S(olvit). DMAS da liña 2 podería ser lido D(is) M(anibus) S(acrum), pero a fórmula V.S. do final fai pensar nun texto votivo.
Esta segunda pedra conta coas medidas 62,5 x 28-45x 8,5 cms.
(Información epigráfica recollida da especialista Gemma Baños Rodríguez).

Un terceiro indicio atopámolo no mapa arqueolóxico de Patrimonio. Nel recóllese nun lugar próximo á vila de Agolada, coñecido como Alto de Corres, co código GA36020078 o Xacemento romano de Bidueiros - Parroquia San Pedro de Ferreiroa, n.º de folla 122-23, sen que teñamos constancia da natureza deste xacemento.

Un cuarto vestixio arqueolóxico, identificado recentemente, é un marco miliario romano camuflado como esteo dun dos pendellos-expositores do antigo recinto da feira de Agolada. Este achado posúe un valor que excede amplamente o seu valor monumental. O seu mérito principal radica no seu carácter documental dunha época e que explica a indefectible presenza dunha vía romana nas súas inmediacións.

Que permanecese “ignorado” durante tantos anos  enténdese polo feito de non estarmos instruídos na cultura viaria romana, por carecer de experiencia na identificación de miliarios, por semellar unha columna pétrea sen máis interese que o seu groso fuste cilíndrico e por ser este marco un miliario anepígrafe. De contar con epigrafía visible sería evidente a súa orixe e tería atraído o interese de numerosos estudosos desde hai moitos anos. Por iso tamén se entenderá que non figure no extenso catálogo de patrimonio arqueolóxico de Agolada.

OS MILIARIOS

Un miliario ou pedra miliar (do latín miliarium) , é unha columna cilíndrica, oval ou paralelepípeda que se colocaba no bordo das calzadas romanas para sinalar as distancias cada mil passus (pasos dobres romanos) é dicir, cada milla romana, o que equival a unha distancia de aproximadamente 1.480 metros. Adoitaba ser de cantería, cunha base cúbica ou cadrada e medía entre 2 e 4 m de altura, cun diámetro de 50 a 80 cm.

Moitos dos miliarios son atopados aínda a día de hoxe in situ, pero son máis abundantes aqueles que foron desprazados do seu lugar orixinal. Os miliarios soían levar gravadas inscricións que informaban do nome do emperador que ordenou a construción ou renovación da vía, da distancia entre este lugar e as cidades próximas, dos principais cruces de estradas ou das fronteiras, da milla onde estaba situado o devandito miliario. No caso dos miliarios anepígrafes, crese que estes levaban a información pintada sobre a pedra. Na actualidade non se aprecia neles pintura pois esta esvaecería co paso dos moitos anos transcorridos. Coa presenza dos miliarios, os romanos guiábanse nos seus desprazamentos.

O miliario dos Pendellos de Agolada é unha columna  anepígrafe que foi reaproveitada como esteo frontal para a construción do primeiro pendello-expositor. Este pendello  fora un dos que ordenara edificar o escribán D. Ramón Barrio de Losada nos incios do recinto alá por 1788. Descoñecemos se o miliario foi removido ou se era esta a súa situación orixinal. Pero dada a
proximidade dos camiños máis antigos que desde sempre se cruzaron en Agolada e que neste mesmo artigo estableceremos a súa posible filiación romana, case se podería afirmar que esta foi a súa localización primixenia. Ademais carecería de sentido sometelo a un transporte longo cando nas inmediacións abundaba o material para tallar esteos.


O miliario é unha columna granítica con fuste de sección elíptica de diámetros 34 cms. na base e 30 cms. na parte superior. Ten un basamento ou cepo cúbico que mide 40 x 32 cms. Presenta uns 18 cms. de altura en superficie. Descoñecemos, como é obvio, as medidas da parte soterrada.


AS VÍAS ROMANAS

Este miliario  dos Pendellos certifica de maneira axiomática a existencia dunha vía romana  na contorna de Agolada. Por iso, o que procedía despois de coñecer a existencia deste vestixio miliario era aplicarse no estudo e coñecemento do paso dunha vía romana por Agolada.

A este respecto sabemos que a expansión de Roma fixo necesaria a creación dunha rede viaria que conectase a capital coas principais cidades do Imperio. Para iso construíronse preto de catrocentas calzadas, que ao longo de cen mil quilómetros uniron os puntos máis remotos do territorio controlado por Roma.

As máis importantes destas vías ou calzadas eran as vías principais ou militares. A Gallaecia contou con tres destas vías para comunicar os núcleos urbanos máis relevantes: a Vía XVIII ou Vía Nova, a Vía XIX e a Vía XX ou Per Loca Maritima. Orixinariamente a súa finalidade foi facilitar o desprazamento das tropas e asegurar a subministración de víveres e materiais, ademais de posibilitar a comunicación entre os distintos postos de mando. Estas vías estaban calzadas só excepcionalmente dentro das cidades e nos seus  arredores. Noutros lugares pavimentábanse con xabre e grava extraídas de canteiras abertas nas proximidades. Numerosas vías de menor importancia enlazaban polo interior as calzadas principias.
Ao longo das calzadas, cada vinte ou vinte e cinco millas construían mansións (pousadas ou albergues, áreas de descanso e negocios de aprovisionamiento de víveres ou de cambios de cabalería. Non se desbota a existencia dunha destas mansións nas proximidades de Agolada.

A VÍA XIX NA COMARCA DE DEZA

Con estes datos na man buscamos información das vías militares na Gallaecia e  advertimos que varios autores (historiadores, arqueólogos) coinciden en trazar a Vía XIX con paso por Agolada. Esta vía partía de Bracara Augusta (Braga-Portugal) e dirixíase a Lucus Augusti (Lugo) para rematar en Asturica Augusta (Astorga), unindo así as capitais dos conventos Bracarensis, Lucensis e Asturicensis. O documento da Roma Antiga, coñecido como Itinerario de Antonino, recolle as
 mansións e distancias en millas entre estas. Para o caso da Vía XIX cita as seguintes mansións:  Bracara – Limia (Ponte da Lima) –Tudae (Tui) – Burbida – Turoqua – Aquis Celenis (Caldas de Reis) – Pria – Assegonia – Brevis – Marcie – Lucus (Lugo) – Timalino – Ponte Neviae – Uttaris – Bergido – Interamnio Flavio – Asturica. O que puidemos saber logo de ler as conclusións de varios autores é a dificultade de asociar estas mansións do  Itinerario de Antonino con topónimos actuais e o carácter variable do valor das millas (millium passum). Pero a identificación tórnase especialmente controvertida para as mansións que neste caso máis nos interesan: Asseconia, Brevis.  Só para Asseconia encontramos localizacións tan dispares como Santiago, A Sionlla, O Pino, Aixón (Boqueixón), Ponte Ledesma (Boqueixón), Asorei (Lalín) e para Brevis cítanse as inmediacións de Melide, Erbo (Lalín), Castro Agolada, etc.
A determinación do trazado dunha vía romana debe facerse atendendo aos seguintes criterios e vestixios:
- Aos datos aportados polas fontes clásicas: Itinerario de Antonino, as Taboíñas de Astorga e ao Itinerario Ravenate.
- A presenza de miliarios e os datos epigráficos que expresan as distancias en millas á mansión seguinte e a distancia que había ao punto de destino.
- Pontes ou viaductos atribuíbles con certeza á época romana.
- A identificación das mansións do Itinerario de Antonino.
- A existencia de aras dedicadas aos Lares Viais, vencelladas inequívocamente ás vías romanas.
- Toponimia asociada ás vías romanas.
- Restos identificables  dunha antiga vía con enlousado a modo de summa crusta.

O trazado da vía XIX desde Caldas de Reis a Lugo deu orixe a múltiples variantes e teorías para os distintos historiadores e arqueólogos. Xa no século XVIII, o P. Sarmiento e Cornide Saavedra trázana pasando por Cuntis, A Estrada, Silleda, Ponte Taboada, Bendoiro, Santiso, O Vento, Cancelas, Ponte Vilariño, Agolada, Antas de Ulla, Monterroso… 
O historiador vigués Raúl Villanueva desde unha perspectiva actual coincide con este mesmo trazado. 
Na actualidade, a voz máis autorizada no coñecemento e estudo da cultura romana e as súas vías no noroeste peninsular, D. Antonio Rodríguez Colmenero, traza a vía XIX desde Caldas de Reis á mansión de Pria (Iria Flavia), segue o curso do Ulla por Carcacía ata Sales (Vedra), segue ao norte do Pico Sagro por Sergude, Boqueixón, Ponte Ledesma e desde aquí ascende por Camanzo, Bascuas, Merza, Besexos, As Cruces, pasa o Arnego por Toiriz, sobe a Brántega, Merlín, Marcelín, Agolada. Seguiría cara a Lugo e cruzaría a serra do Farelo pola portela denominada O Marco. Antas de Ulla, Ponte Pedriña, Seteigrexas (Monterroso), Leborei, Milleirós, Ligonde, A Pallota, O Marco, San Fiz do Ermo, Santiago de Entrambasaugas, San Román da Retorta, Bóveda, Alto da Louzaneta e Lugo. 
Esta teoría vese refrendada pola existencia de miliarios en Iria Flavia (miliario de Graciano), en Gándara (Aixón- Boqueixón), cun miliario de Calígula; o miliario anepígrafe de Agolada?, outro miliario de Calígula en Seteigrexas (Monterroso), en Entrambasaugas apareceu outro miliario, outro máis en San Román da Retorta e dous posibles miliarios anepígrafes en Santa Eulalia de Bóveda. Outro refrendo para esta teoría reside no paso da ponte de Ponteledesma, ponte reedificada sobre os basamentos romanos, que aínda son identificables.
Os topónimos Órrea (Agolada), O Marco (clara referencia a un miliario), Antas,  Ponte Pedriña (Monterroso) tamén se asocian a vías romanas.
Existen múltiples especialistas que trazan esta vía máis ao norte por Arzúa, Melide, seguindo aproximadamente o itinerario do actual Camiño Primitivo a Santiago. E xulgamos que non é o noso cometido decantarnos por unha ou outra teoría. Mais si interesarnos por aquelas que sitúan a Agolada no trazado de vellas calzadas romanas.

VÍA DACTONIUM – AQUIS CELENIS  E O SEU PASO POLA COMARCA DE DEZA


O propio Antonio Rodríguez Colmenero apunta dentro das vías secundarias, unha posible vía Dactonium (Monforte) – Aquis Celenis (Caldas de Reis). Coincide o trazado co que se pode ver na imaxe de arriba, obtida da web eirexe.es/as-vias-romanas/.
Esta vía secundaria descríbea superficialmente Colmenero con orixe en Monforte, pasando por Belesar, Chantada, Rodeiro, Grava (Silleda) e descendería  a continuación pola Estrada cara a Caldas de Reis (Aquis Celenis).
Como se pode advertir, non detalla o traxecto  Rodeiro – Grava. E precisamente este tramo é o que máis nos pode interesar para relacionalo co miliario descuberto nos Pendellos de Agolada, e tamén atendendo ao traxecto marcado no mapa que aquí acompañamos.
Se nos guiamos por este mapa, a vía desde Chantada subiría ata Quintá de Agrade (neste lugar a vía cruzaríase coa que procedía de Aquae Querquennis , pasaba por Ourense e dirixíase a Lugo), onde se sitúa unha mansión (Aquae Quintinae), e onde tamén apareceu unha ara dedicada aos Lares Viais. Cruzaría a Serra do Faro polo paso natural de A Matanza, para encamiñarse a Couso (Asperelo).
Desde aquí ía a Santa Baia de Camba, a Vila de Porta de Arcos, San Xoán de Camba, A Portela, Pescoso, Laxe (Ventosa), Ponte Pedriña, Agolada, seguiría á Ponte Vilariño, Cadrón, Cancelas, Erbo, O Vento, Santiso, Bendoiro, Ponte Taboada, Grava (Silleda). 
Esta teoría quedaría refrendada pola ara dedicada aos Lares Viais de Santa Baia de Camba, un posible miliario en San Xoán de Camba (O Marco do Perdón), tres miliarios en Santa Mariña de Pescoso, os topónimos Laxe e Ponte Pedriña e un posible miliario en Ventosa, o miliario descuberto nos Pendellos de Agolada, os restos de calzada da Ponte Vilariño e a ara dedicada aos Lares Viais de Grava (Silleda). 

EPÍLOGO

A  identificación do miliario de Agolada parécenos un achado de moito interese, que nos axuda a entender mellor a longa etapa histórica da Gallaecia na zona do actual Deza. E que teña aparecido nos Pendellos é unha feliz coincidencia que lle vén a dar relevo a este espazo arquitectónico, escenario de múltiples acontecementos de Agolada.
O posible paso de dous camiños romanos por Agolada ponnos no dilema de saber adscribir o miliario  a unha das vías. 
Os datos aquí aportados para a Vía Dactonium-Aquis Celenis estarían en consonancia coa intuición que tivo Elisa Ferreira Priegue, estudosa dos camiños medievais de Galicia, ao xulgar que o camiño que pasaba pola Ponte Vilariño podería tratarse dunha calzada romana de segundo orde.
Nós mesmos tivemos ocasión de coñecer expedito o camiño que ascende desde a Ponte Vilariño a Cadrón e a traza e deseño do camiño tívonos semellanzas co contemplado noutras ocasións nos cóbados de Belesar e de Larouco, vías inequivocamente romanas. 
Moi pronto estará connosco en Agolada un especialista para valoralo e posteriormente proceder á súa catalogación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario